RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor céntrase no CF Talavera de la Reina aínda que sen esquecer ABANCA-Balaídos

O Dépor pasa páxina pero non esquece o empate do pasado sábado en ABANCA-Balaídos ante o RC Celta B. Esta mañá, o cadro reuniuse por espazo de media hora na sala de vídeo para analizar o choque ante os célticos.

Vistas e analizadas as imaxes, Borja Jiménez e os seus futbolistas saltaron ao céspede de Abegondo coa mente xa posta na inminente próxima xornada, este mércores 28 de setembro ás 20:00 horas en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e InSports.tv) ante o CF Talavera de la Reina.

O partido corresponde á 1ª xornada do grupo 1º de Primera Federación que foi aprazado no seu día xa que nun principio o Dépor tiña como rival ao DUX Internacional de Madrid, excluído da competición poucos días despois.

A pasada fin de semana concluíu co Dépor 6º na táboa con 8 puntos, pendente do encontro deste mércores para igualar a partidos co resto de rivais. Por arriba continúa líder o Córdoba CF con pleno de vitorias nas 5 xornadas disputadas.

Esta mañá, após un quecemento con rondos, o corpo técnico deportivista dispuxo un exercicio táctico con porterías pequenas nun primeiro esbozo do plan de partido. Fútbol en espazo reducido, de alta intensidade, puxo o punto e final a unha nova xornada de traballo.

Todo o cadro estivo a disposición de Borja Jiménez salvo Gorka Santamaría, que quedou no seu domicilio afectado dunha gastroenterite.

Mañá martes, o Dépor adestrarase de novo na Cidade Deportiva a partir das 10:30 horas.