RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor consegue ante o Córdoba CF "unha vitoria importantísima para seguir loitando na parte alta"

O Dépor venceu (2-0) este martes 31 de marzo ao Córdoba CF en partido correspondente á 33ª xornada en LaLiga Hypermotion, segundo para o conxunto branquiazul en 3 días após o disputado en Gijón o pasado sábado 28.

Con este resultado, Os Nosos suman 59 puntos na 2ª posición, os mesmos que o Real Racing Club (1º), á espera do resto da xornada entre este mércores 1 de abril e xoves 2.

Na rolda de prensa pospartido Antonio Hidalgo cualificou o resultado de "vitoria importantísima para seguir loitando na parte alta".

Foron baixa Mella e Villares, este con o ombreiro maltreito após a primeira parte do pasado sábado no Estadio do Molinón Enrique Castro 'Quini'.

Do futbolista lucense o adestrador do Dépor asegurou que "o vin moito mellor. Non saíu á pequena activación desta mañá. Mañá estará mellor. Imos ver a súa evolución de cara ao sábado".

Bil e Noé, ambos con minutos na segunda parte, foron os representantes de ANOSACANTEIRA.

Foron novidades no once Stoichkov, sancionado ante o Sporting; e Lucas Noubi, de regreso da concentración de Bélxica Sub-21.

Con outro partido o sábado 4 de abril ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR ante o Málaga CF, o gaditano substituíu a Bil e o belga, a Arnau Comas. A maiores Loureiro, no lateral dereito, supliu a Ximo Navarro; Patiño, no carril destro, a Villares; e Mulattieri, na punta de ataque, a Luismi Cruz.

O partido empezou sen dono claro pero con achegamentos nas dúas porterías.

Nun balón parado púxose por diante o Dépor aos 19 minutos. Lucas Noubi, libre de marca, cabeceou á rede no segundo pau unha falta lateral.

Respondeu o Córdoba CF ao minuto seguinte con outro balón parado, neste caso un saque de esquina, e con outra cabezada. Ferllo, nunha gran parada na mesma raia de gol, evitou o tanto de Rubén Alves.

Á media hora golpeou de novo o Dépor. Case na mesma posición de Lucas Noubi, e após outro centro lateral desde a dereita de Altimira, Quagliata, libre de marca e entrando desde atrás, supera de novo ao porteiro Íker Álvarez.

Os branquiazuis púñanse con 2-0, resultado co que se chegou ao descanso.

"A primeira parte foi moi boa. Interpretamos á perfección o que podía pasar. Puxémonos por diante", resumiu o preparador branquiazul.

Após o paso polos vestiarios Os Nosos seguiron buscando a portería rival. Mulattieri estivo a piques de marcar nunha gran acción persoal pero no último momento rematou frouxo ás mans de Íker Álvarez.

O Córdoba CF puido meterse no partido no minuto 63 nun balón que lle chegou de rebote a Theo após unha mala saída de balón do Dépor. Ferllo sacou nunha gran parada.

Antonio Hidalgo move pezas. Yeremay e Bil relevan a Mulattieri e Stoichkov.

Pouco despois, Jose Ángel e Luismi substitúen a Patiño e Mario Soriano.

Yeremay puido matar o partido no minuto 72 pero fallou no man a man co porteiro Íker Álvarez despois de marcharse por velocidade da defensa cordobesa.

Aos 78 minutos Altimira xuta demasiado alto noutra rápida transición.

O Córdoba CF dominaba territorialmente pero o Dépor puido sentenciar á contra.

O último susto do partido protagonizouno o cordobesista Guardiola, que no minuto 85 baixou un balón co peito ao bordo da área pequena e o seu disparo, de socato, tócao Ferllo o xusto para desvialo ao traveseiro.

"Na segunda parte empuxáronnos un pouco máis. Fomos capaces de defender moi ben a área. O Córdoba CF é un equipo que che empuxa moitísimo. Hai que aprender destas situacións porque son resultados demasiado curtos, queres que se termine demasiado rápido todo. Tivemos a oportunidade pechar o partido, non puido ser pero estou moi contento pola vitoria", concluíu Antonio Hidalgo.

Deportivo: Ferllo, Loureiro, Lucas Noubi, Dani Barcia, Quagliata, Riki (Noé, min. 86), Mario Soriano (Luismi, min. 72), Patiño (Jose Ángel, min. 72), Altimira, Stoichkov (Yeremay, min. 62) e Mulattieri (Bil, min. 62)

Córdoba CF: Íker Álvarez, Álex, Diego Bri (Vilarrasa, min. 46), Isma Ruiz, Jacobo Glez. (Kevin, min. 46), Rubén Alves, Fuentes (Guardiola, min. 46), Del Moral (Dalisson, min. 59), Albarrán, Carracedo e Goti (Theo, min. 59)

Árbitro: Alejandro Morilla, do comité navarro. Amoestou a Jacobo Glez. (min. 45+1) e Riki (min. 83)

Goles: 1-0 Lucas Noubi (min. 19); 2-0 Quagliata (min. 31)

Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 25.829 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de María Amelia Fernández López, terceira muller con máis antigüidade no Club