RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Antonio Hidalgo quere que en ABANCA-RIAZOR "todo o mundo empuxe, que todo o mundo que veña estea connosco"

Antonio Hidalgo quere que este martes 31 de marzo ás 20:00 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) ante o Córdoba CF que "todo o mundo empuxe, que todo o mundo que veña estea connosco. Está a Semana Santa polo medio pero todo o mundo que nos poida botar unha man é benvido. Notámolo na última semana en ABANCA-RIAZOR, cun recibimento brutal".

Lembra nesta liña que "está a chegar a parte final, os 10 últimos partidos. E agora é onde nos xogamos todo".

Convertido o Dépor no equipo do top 4 de LaLiga Hypermotion que menos goles encaixou, para o técnico deportivista "fala ben da solidez e do solidario que é o equipo. Aínda temos que seguir axustando nalgún tipo de situación especialmente por fóra pero estou contento co rendemento".

Insiste en "seguir empuxando, seguir indo ao límite e mañá máis, cun rival cun caudal ofensivo moi grande, polo que tes que estar preparado para calquera acción que che poidan facer".

Antonio Hidalgo relativiza a importancia dos 6 puntos que Os Nosos se xogan esta semana en ABANCA-RIAZOR (ante Córdoba CF e Malaga CF o sábado 4 de abril) porque "logo quedarán 8 partidos por diante. Todo é importante. Temos que seguir sumando a cantidade de puntos necesarios para seguir na parte alta. Todo o mundo aperta. A parte de fóra do play off está a apertar para engancharse. Hai que seguir sendo sólidos, sendo mentalmente fortes, sabendo que calquera equipo da categoría vaicho a pór difícil".

Finalmente, do Córdoba CF resalta o seu "volume ofensivo grande, que nos vai a obrigar a estar en alerta continua. Temos a #ANOSAFORZA do noso lado pero hai que saber a dificultade, que isto é longo, un longo percorrido e a partir de aí ir preparando ao detalle todos os partidos".

Conclúe do conxunto andaluz que o seu adestrador, Iván Ania, "deulle un selo de identidade ao Córdoba CF. É un equipo moi ben traballado, moi reconocible, seguen crendo. Non vai cambiar a súa maneira de ver o fútbol por iso hai que estar atento pola dificultade que teñen. Veñen dunha mala dinámica pero isto é a Segunda División. Todo está igualadísimo".