RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Segundo partido para o Dépor, este martes 31 ás 20:00 en ABANCA-RIAZOR ante o Córdoba CF, en "unha semana complicada polo volume de minutos"

O Dépor mídese este martes 31 de marzo ás 20:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) ao Córdoba CF en partido correspondente á 33ª xornada en LaLiga Hypermotion, 2º para o conxunto branquiazul en 3 días após o disputado en Gijón o pasado sábado 28.

"É unha semana complicada polo volume de minutos", reflexionou Antonio Hidalgo na sala de prensa do Dépor Training Center aínda que "estamos a chegar ben ás partes finais dos partidos. Iso fala ben de como se está traballando".

Os técnicos agardarán ao último momento para tomar decisións de cara ao encontro deste martes debido "ao pouco tempo de recuperación. Os xogadores están ben pero pasou pouco tempo aínda".

Os resultados da última xornada, co empate no Estadio de El Molinón Enrique Castro 'Quini', deixaron a Os Nosos en 3ª posición con 56 puntos, por detrás da UD Almería (2º con 58) e do Real Racing Club (líder con 59 puntos).

O equipo recupera a Stoichkov, sancionado ante o Sporting; e a Lucas Noubi, de regreso da concentración de Bélxica Sub-21.

Antonio Hidalgo dirixiu esta tarde no Dépor Training Center a penúltima sesión de traballo antes do partido, posto que este martes 31, día do encontro, Os Nosos realizarán ás 11:00 outra suave sesión na cidade deportiva branquiazul.

O corpo técnico dispuxo, após unha activación, un exercicio táctico e fútbol en espazo reducido.

O preparador branquiazul preparou aos seus xogadores para un rival que "vai vir altísimo a presionarnos, que ten moito balón, que che estresa en moitas ocasións. Temos que estar moi fiables na parte de atrás, facerlles dano nas situacións que podamos e ter ese punto de control de balón".

David Mella e Villares estiveron con adestramento personalizado.

Sobre o centrocampista lucense, co ombreiro danado no transcurso da primeira parte en Gijón, o adestrador do Dépor admitiu que "ten difícil que chegue" e desvelou que "se falásemos dunha semana enteira as súas posibilidades aumentarían. Hoxe non se atopaba a gusto, non puido saír a adestrar e veremos mañá".

Bil e Noé foron os representantes de ANOSACANTEIRA.

Do dianteiro camerunés, Antonio Hidalgo apunta que "está a dar pasos cara a adiante en canto ao que queremos. Está a darnos moitísimo nesa última liña. É capaz de ler situacións e entender cando un compañeiro vai ao espazo e facer o contrario para compensar. Está a darnos área, está a ter situacións de gol, está a darnos esa primeira presión. Temos que seguir empuxándoo nalgúns aspectos pero está a axustarse perfectamente".

Pola súa banda, o Córdoba CF, que a pasada fin de semana empatou (2-2) no seu campo ante o CD Mirandés, é 14º con 42 puntos.

No partido da primeira volta, disputado o pasado 16 de novembro no Nuevo Arcángel, venceu o Dépor por 1-3 con goles de Quagliata, Yeremay e Mella.

Lonxe do seu campo esta campaña o Córdoba CF gañou ao Real Zaragoza (0-1), Albacete Balompié (1-3), CD Mirandés (1-2), SD Huesca (1-2) e UD Las Palmas (1-2); empatou co Real Valladolid (0-0), Real Sociedad B (1-1), Málaga CF (2-2), Granada CF (1-1) e CD Leganés (0-0); e caeu co FC Andorra (3-1), AD Ceuta FC (3-2), UD Almería (2-1), Real Racing Club (4-3) e Burgos CF (4-0).

Iván Ania, técnico do cadro andaluz, confesa que o seu equipo "tes ganas de que chegue o partido. É unha semana na que tes pouco tempo para traballar pero temos que tentar chegar o máis recuperados posible".

Asegura que plantexará o encontro "con optimismo sabendo que imos a un campo moi difícil aínda que é certo que levan 4 derrotas en casa ante Castellón, Real Sociedad B, Granada e Racing. Algúns deles son parecidos a nós e iso tennos que dar algunhas referencias. É un rival cun nivel altísimo, moito talento. Individualmente case todos os xogadores de ataque poden decidir un partido".