RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor crúzase mañá domingo ás 12:00 ante "un señor equipo", o Nástic de Tarragona

O Dépor crúzase mañá domingo 10 de marzo ás 12:00 (TVG-2 e FEF TV) con outro dos aspirantes ao ascenso, o Nástic de Tarragona, en partido correspondente á 27ª xornada en Primera Federación. "Un señor equipo", tal e como o cualificou onte Imanol Idiakez na rolda de prensa previa ao encontro.

Os resultados da última xornada, co triunfo ante o CD Lugo en ABANCA-RIAZOR (4-1), deixaron a  Os Nosos no liderado da categoría con 50 puntos, con 1 punto de vantaxe precisamente sobre o Nástic, que ten 49 puntos, os  mesmos que a SD Ponferradina, que empatou hoxe en ABANCA-Balaídos co Celta Fortuna (0-0).

O técnico deportivista asegurou que "imos tentar gañar respectando ao Nástic, sabendo o seu potencial; pero a nosa idea é ir alí a tentar facer un gran partido para poder levarnos os 3 puntos".

Precisamente o preparador branquiazul non se poderá sentar no banco do Nou Estadi Costa Daurada debido á súa expulsión a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR, que lle supuxo dous partidos de castigo. "Volve Mario (Gibanel, segundo adestrador) da súa sanción, co cal iso tamén nos axuda a que podamos ter unha mellor comunicación. É unha pena que non podamos traballar os adestradores por tan pouca cousa", indicou.

Tamén Dani Vidal, adestrador do Nástic, está castigado polo seu cartón vermello en Espiñedo a pasada semana. "A súa expulsión e a miña son parecidas. Un cuarto árbitro que lle di ao árbitro que non se que e tal e cal. Xa sabemos que os adestradores somos o saco de boxeo do fútbol e, por desgraza, respéctannos pouco", recalcou Imanol.

A boa noticia da semana no Dépor foi a renovación de Iano Simão até xuño de 2026.

O adestrador deportivista opina respecto diso que "é un mozo cun grandísimo poder a nivel físico e con moi boas condicións técnicas tamén. Entendo que está nese proceso de chegar ao nivel que queremos, pero ten todas as condicións. É unha boa noticia tanto para el como para o Club que o podamos ter por máis tempo e sobre todo que poida seguir progresando connosco porque ten todas as condicións para poder triunfar".

No partido da primeira volta, disputado o pasado 29 de outubro, venceu o Dépor en ABANCA-RIAZOR (1-0) cun gol de Pablo Martínez no minuto 70.

As conexións aéreas obrigaron ao conxunto deportivista a cambiar hoxe sábado a súa rutina habitual pre-partido.

Así, o equipo viaxou á primeira hora da mañá desde o Aeroporto da Coruña a Barcelona, para logo desprazarse en autocar a Tarragona; e realizou pola tarde a última sesión de adestramento, a porta pechada, no centro Mediterranean Sport Village en Salou.

A menos de 24 horas para o choque, o corpo técnico dispuxo unha activación con rondos e un repaso ás accións a balón parado.

Mañá domingo, máis de 1.000 deportivistas animarán desde a bancada do Nou Estadi Costa Daurada. "É o motivo máis importante para dalo todo, para tentar gañar", asegurou o técnico do Dépor na súa comparecencia semanal ante os medios.

Pola súa banda, o Nástic de Tarragona no que militan os ex  branquiazuis Pablo Trigueros e Gorka Santamaría, chega ao choque após o triunfo (0-1) a pasada fin de semana no Carballiño ante o CD Arenteiro.

Os cataláns son o mellor equipo local da categoría, posto que gañaron 8 partidos: CD Arenteiro (1-0), FC Barcelona Atlétic (1-0), CE Sabadell FC (2-0), Cultural Leonesa (3-0), SD Tarazona (2-1) UE Cornellà (3-0), CD Lugo (2-0) e Real Unión (2-1); empataron 4: SD Ponferradina (0-0), Real Sociedad B (2-2), Sestao River (0-0) e Atlético Osasuna B (1-1); e só perderon ante o CD Teruel (0-2).

O seu adestrador Dani Vidal manifestou na rolda de prensa previa que o seu cadro "pasou unha semana moi boa de adestramentos, como o resto pero é evidente que tes ese plus de xogar contra o equipo que tes por encima, cun punto de diferenza. Independentemente que o Dépor é un gran equipo, un gran club, nestas circunstancias, ante este tipo de partidos os xogadores teñen moitas ganas de xogalos".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan en avión ao Aeroporto da Coruña ao longo da tarde e adestraranse de novo o martes 12 de marzo ás 17:00 en Abegondo.