O Dépor empatou (1-1) ante a SD Huesca este domingo 12 de abril en El Alcoraz, en choque pertencente á 35ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Antonio Hidalgo, na sala de prensa, cre que o equipo se deixou 2 puntos polo tanto local no desconto, advirte que "estamos a conceder goles todas as semanas e iso penalízache", e viu "dúas partes diferenciadas".
Con este resultado, Os Nosos suman 61 puntos e seguen no grupo de cabeza.
Foi baixa David Mella por lesión mentres que Bil foi o representante de ANOSACANTEIRA.
A tarde arrincou con reencontros: Antonio Hidalgo, Loureiro e Álvaro Ferllo volvían á que foi a súa casa.
No outro banco, José Luis Oltra, á fronte da SD Huesca, reencontrouse cun dos seus ex equipos, co que ostenta ademais a marca de puntos na Segunda División con 91 na temporada 2011-12.
Respecto ao encontro ante o Málaga CF da pasada fin de semana Antonio Hidalgo introduciu dúas variacións no once: Dani Barcia relevou a Lucas Noubi e Mulattieri a Bil.
O primeiro disparo deportivista foi obra de Altimira, que culminou cun chute demasiado cruzado unha contra conducida por Ximo Navarro. Corría o minuto 20.
Probou fortuna Ximo Navarro case á media hora. Jiménez desviou como puido o potente disparo do lateral deportivista.
A SD Huesca tamén se achegaba con perigo como cun centro desde a banda dereita que Portillo non chegou a rematar na área pequena, taponado por Loureiro.
Apertou o conxunto aragonés nos instantes finais da primeira parte.
Con 0-0 e co partido aberto chegouse ao descanso.
"Queriámola ao pé, faltábanos ese punto máis, ese ir máis ao espazo", apuntou o preparador deportivista deses primeiros 45 minutos.
Após o paso polos vestiarios, o Dépor continuou coa posesión aínda que sen crear demasiadas opcións de gol.
Antonio Hidalgo move pezas no minuto 56. Riki, Yeremay e Bil relevan a Villares, Stoichkov e Mulattieri.
"Cos cambios melloramos moitísimo, fomos capaces de chegar á área rival, de pornos por diante", manifestou o adestrador do Dépor.
O Dépor optou por unha presión alta mentres que a SD Huesca agardaba en bloque baixo.
Aos 70 minutos, Quagliata recibe un balón da banda contraria pero o seu remate, de semivolea, márchase lixeiramente fóra.
Sucedíanse as ocasións. Un minuto despois, cabezada de Bil que saca Jiménez nunha gran parada.
O gol chegou aos 72 minutos. Nunha xogada por banda esquerda, o balón recólleo Luismi na área que supera a Jiménez.
A SD Huesca tentou á desesperada, con corazón e apoiada pola súa inchada rescatar polo menos un punto.
E conseguiuno cun gol no desconto. Nun centro á área Patiño non despexa, prefire controlar co peito e Carrillo aprovéitase dese balón solto para bater a Ferllo.
"Non podemos conceder ese gol tal e como está a competición", afirmou o técnico deportivista.
Case á xogada seguinte, Yeremay márchase por velocidade e o seu disparo desde fóra da área estrélase no poste dereito da portería do Huesca.
O partido concluíu cunha durísima entrada a Bil ao bordo da área que supuxo a expulsión de Pulido con vermella directa e cuxo libre directo consecuente Yeremay estrelou na barreira.
"Sen pasar demasiadas cousas atópasche co empate e nese último arreón final puido pasar calquera cousa", resumiu Antonio Hidalgo.
SD Huesca: Jiménez, Toni Abad (Carrillo, min. 65), Iñigo Piña, Javi Mier (Cantero, min. 83), Jordi Martín, Pulido, Álvarez (Agbekpornu, min. 65), Alonso, Enol (Sergi Enrich, min. 73), Portillo e Luna (Liberto, min. 73)
Deportivo: Álvaro Ferllo, Ximo Navarro, Loureiro, Dani Barcia, Quagliata, Villares (Riki, min. 56), Mario Soriano (Gragera, min. 89), Alti, Luismi Cruz (Patiño, min. 80), Stoichkov (Yeremay, min. 56) e Mulattieri (Bil, min. 56)
Árbitro: Jon Ander González, do comité vasco. Amoestou a Javi Mier (min. 21), Quagliata (min. 42), Álvarez (min. 56) e Dani Barcia (min. 76). Expulsou con vermella directa a Pulido (min. 94)
Goles: 0-1 Luismi (min. 72); 1-1 Carrillo (min. 91)
Incidencias: partido disputado en El Alcoraz ante 5.194 espectadores. Para a xornada Retro que organizou LaLiga o Dépor luciu un deseño inspirado na temporada 1987-88, unha campaña crave na que se logrou a permanencia para evitar o descenso a Segunda B grazas ao gol de Vicente Celeiro, na última xornada, fronte ao Racing de Santander.
