RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor visita este domingo 12 de abril ás 16:15 en El Alcoraz á SD Huesca "cunha ambición moi grande por ir con todo a por o partido"

O Dépor mídese á SD Huesca este domingo 12 de abril ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion) en El Alcoraz, en choque pertencente á 35ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Os resultados da última xornada deixaron a Os Nosos en 3ª posición de LaLiga Hypermotion con 60 puntos, por detrás da UD Almería (61) e Real Racing Club (62).

Pérdese por lesión o encontro David Mella.

Esta fin de semana volven á que foi a súa casa Antonio Hidalgo, Loureiro e Álvaro Ferllo.

O actual técnico deportivista mostrouse "moi contento de volver a El Alcoraz, a Huesca, a ver a amigos, a ver a xente coa que compartimos moitos momentos e á que estou eternamente agradecido, polo apoio e o agarimo que me brindou o club e a cidade. Teño moitísimas ganas de estar aí".

Iso si, advertiu que tamén ten "unha ambición grande por competir o partido, por ir con todo a por a vitoria; sabendo o que nos estamos xogando neste momento".

Antonio Hidalgo dirixiu esta tarde a última sesión de adestramento na Base Aragonesa de Fútbol, a cidade deportiva oscense.

Bil foi o representante de ANOSACANTEIRA.

O corpo técnico dispuxo unha activación con rondos, fútbol reducido e unha tarefa de finalizacións.

Antonio Hidalgo cre importante "controlar o vaivén de emocións que vai haber neste partido, nos seguintes. Mentalmente hai que ser fortes e estar preparado para todo tipo de circunstancias".

Pola súa banda, a SD Huesca, que a pasada fin de semana caeu (2-1) en Las Palmas, é 20º con 32 puntos.

No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 21 de setembro venceron os deportivistas por 4-0 con tantos de David Mella -2-, Eddahchouri e un futbolista rival en propia meta.

No seu campo esta temporada a SD Huesca venceu á SD Eibar (2-1), Málaga CF (1-0), Burgos CF (2-1), Sporting de Gijón (2-0), Cádiz CF (1-0) e AD Ceuta FC (2-0); empatou co CD Leganés (1-1), UD Las Palmas (1-1), FC Andorra (2-2), Real Racing Club (1-1), Albacete Balompié (0-0) e Cultural Leonesa (1-1); e caeu co Granada CF (0-1), Real Valladolid (1-4), Córdoba CF (1-2), CD Mirandés (1-2) e UD Almería (1-3). 

En rolda de prensa esta semana o lateral esquerdo Jordi Martín asegurou que "imos ir pola vitoria, a morrer. Vai ser un partido difícil, pero imos competir".

De feito, subliña que "estamos nunha situación difícil pero cremos. Cremos no míster, en nós, na afección. Aínda se pode, necesitamos unha vitoria e seguramente a dinámica cambie. Todo pasa por gañar esta fin de semana".

Pola súa banda, José Luis Oltra, adestrador da SD Huesca, apuntou que "só podemos focalizarnos neste partido, é o máis importante".

O ex técnico deportivista pediu así mesmo o apoio da súa afección: "Necesitamos á nosa xente, o seu sentimento e a súa paixón. Temos que unirnos e crer".

 

Equipamento retro de Os Nosos

Os branquiazuis non xogarán esta vez cunha do seu tres equipamentos habituais posto que o Dépor participa na primeira Xornada Retro que organiza LaLiga.

Trátase dunha acción inédita no fútbol profesional europeo na que 38 clubs de LaLiga EA Sports e LaLiga Hypermotion saltarán ao terreo de xogo con novos equipamentos inspirados en edicións icónicas do seu pasado, acompañados tamén polos árbitros, que vestirán un deseño especial a través do Comité Técnico de Árbitros (CTA) da RFEF.

A camiseta da xornada retro do RC Deportivo recupera un dos deseños máis representativos de finais dos anos 80.

Durante esa década consolidouse a estética de franxas azuis e brancas estreitas, recuperadas após a temporada do descenso a Tercera, e apareceron as primeiras marcas de roupa que vestiron ao equipo, como Austral, Gilcor ou Rafrey. 

Tamén chegou o primeiro patrocinador da camiseta, Hotel Rías Altas, na temporada 1985-86.

O deseño que inspira esta peza estreouse na temporada 1987-88, coincidindo coa firma dun novo patrocinador técnico (Rafrey) e cunha campaña crave na que o RC Deportivo logrou a permanencia para evitar o descenso a Segunda B grazas ao gol de Vicente Celeiro, na última xornada, fronte ao Racing de Santander. 

Aquela camiseta (manga curta, fondo branco e liñas finas verticais azuis) volvería verse sobre o céspede na temporada 1988-89 utilizada como segundo equipamento.

O RC Deportivo rescata esta camiseta histórica para revivir a estética e o carácter dunha época importante na súa evolución, previa a unha época gloriosa onde se conquistaron 6 dos 7 títulos oficiais do Club.

Finalizado o encontro en El Alcoraz, o cadro adestrarase de novo no Dépor Training Center o mércores 15 de abril ás 10:30 horas.