Adrià Altimira manifestou na sala de prensa do Dépor Training Center, despois de recoller o seu segundo premio Estrella ao xogador do mes, que "cada partido ten a súa importancia, vai ser moi difícil. Somos conscientes dos que nos xogamos en Huesca. Enfocámonos en facelo ben, en conseguir os 3 puntos e o demais xa virá".
Ante dous partidos consecutivos con rivais en posicións de descenso (SD Huesca este domingo 12 de abril ás 16:15 en El Alcoraz e CD Mirandés o luns 20 de abril ás 20:30 en ABANCA-RIAZOR), o lateral deportivista cre que "é importante ter claro as cousas, non confundirse. Por moito que sexan equipos que estean aí abaixo teñen a súa dificultade. Tanto os de arriba como os de abaixo estanse xogando moitas cousas. Hai que estar atento aos pequenos detalles, seguir na dinámica que estamos e coa humildade de afrontar cada partido coma se fose unha final".
Iso si, confesa que esta fin de semana "somos conscientes que se nos levamos os 3 puntos imos estar nesas posicións pero hai que tentar non irse moito do que estamos a traballar, enfocarse no noso, que é o importante".
Altimira lembra que o partido do Málaga CF, a pesar de concluír en empate, "celebrámolo coma se fose unha vitoria máis. Nótase que estamos unidos todo o equipo, ANOSAFORZA e todo o staff. Están a facerse ben as cousas e tarde ou cedo os obxectivos iranse cumprindo. Ese é o camiño".
O futbolista catalán advirte que "ofensivamente cando hai perdas de balón estamos moito máis rápidos. Estamos aos poucos atopando a nosa identidade. Podemos variar tanto xogar en curto como ser moito máis directos, xogar ao espazo e ter chegadas. Sobre todo ser fiables defensivamente dáche moito valor para afrontar mellor os partidos".
A nivel persoal, admite que "o normal é que a adaptación sexa máis cara a adiante pero viña de Villarreal traballando, con moitas ganas, preparado. Demostrouse que cando danche a oportunidade de ser importante han ir saíndo as cousas ben. Cada vez sentinme máis cómodo co equipo, co staff e con ANOSAFORZA. Iso fai que estea a alcanzar este nivel e eu estou moi contento".
Finalmente recalca que El Alcoraz "é un campo moi difícil. Sabemos a situación que están eles. Vai ser un partido de ti a ti. Pero sabemos o que vimos facendo até agora, que estamos a facer as cousas moi ben. Iso dános a confianza para afrontar o partido con ganas e levarnos os 3 puntos".
