RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor dispárase nunha memorable segunda metade (4-2)

O Deportivo impúxose ao Málaga CF nun espectacular partido de ida da primeira eliminatoria do playoff de ascenso a LaLiga Santander, que os branquiazuis tiñan perdido ao descanso (1-2) e ao que deron a volta con tres golazos nunha memorable segunda metade que pasará aos anais da historia do Club.

José Luis Martí, adestrador deportivista, realizou dous cambios con respecto ao equipo que venceu ao Córdoba CF o pasado sábado na última xornada de LaLiga 1|2|3. Ambos foron en defensa, zona na que Bóveda e Pablo Marí, con problemas musculares pendentes de avaliación, deixaron o seu sitio a David Simón e Somma.

Arrancou o partido con maior control da posesión por parte do Málaga, que gozou da primeira oportunidade no minuto 10. Boulahroud rematou desde unha posición moi escorada, chegando desde atrás, un servizo de Blanco Leschuk. O remate foise excesivamente cruzado, aínda que Dani Giménez tiña ben cuberta a portería.

No minuto 16, o Deportivo trenzou a súa primeira acción en ataque, culminada cun disparo de Borja Valle que se foi moi por riba do traveseiro.

Dous minutos máis tarde, o Málaga adiantouse no marcador. Foi nunha acción a balón parado xogada en curto polo conxunto andaluz, que concluíu cun centro de Ontiveros que Luis Hernández cabeceou ao fondo das mallas.

Os branquiazuis reaccionaron tan rápido que lograron o empate só 3 minutos despois. Nun balón dividido no costado dereito da área visitante, David Simón anticipouse a Ricca, que o derrubou. O colexiado sinalou o punto de penalti, desde onde Carlos Fernández enganou a Munir para devolver as táboas ao marcador.

Á media de hora produciuse unha acción polémica, na que Fede Cartabia foi derrubado por Keidi Bare nun contragolpe, cando se marchaba só, a uns 30 metros do portal de Munir. O árbitro sinalou a falta, pero castigouna cun cartón amarelo que tiña tinguiduras de vermella.

No minuto 34, o Deportivo acariñou o tanto. Foi nun centro de David Simón desde o extremo dereito, que cabeceou Pedro chegando desde atrás, saltando moi encima de Iván Rodríguez. A súa cabezada cruzada perdeuse por pouco á esquerda de Munir.

Con todo, quen volveu marcar foi o conxunto andaluz, nun canonazo lonxano de Ontiveros que se coou na portería de Dani Giménez despois de facer varios estraños. O cronómetro sinalaba o minuto 37.

Nada máis sucedeu até o descanso, tralo cal o Deportivo saíu con maior forza. Borja Valle peiteou no minuto 47 un córner lanzado por Pedro, pero a pelota escapouse por encima do traveseiro.

ABANCA-RIAZOR reclamou penalti no minuto 50, nun balón que se estampou no brazo dereito de Pau Torres, a pesar dos seus esforzos por evitalo, após un golpeo de Carlos Fernández desde moi preto.

Non tardaron moito os branquiazuis en equilibrar a balanza, nunha preciosa e precisa acción trenzada no extremo esquerdo, entre Borja Valle e Fede Cartabia, con pase raso cara ao punto de penalti do arxentino para a chegada de Pedro. O alacantino mantivo a precisión da xogada cun zurdazo co que puxo a pelota moi preto do vértice superior dereito do portal malacitano, imposible para Munir. O 2-2 chegaba no minuto 56.

Cinco minutos máis tarde, Ontiveros, nun libre directo desde o lateral esquerdo da área, estrelou a pelota no poste esquerdo da portería de Dani Giménez.

Con todo, instantes despois o Deportivo adiantouse no marcador. Carlos Fernández cabeceou sobre a mesma liña de gol un sensacional centro picado de Fede Cartabia, que impediu toda intervención de Munir co seu suave golpeo. Corría o minuto 63.

Despois de varios minutos de tenteo e de cambios de plans, coas primeiras sustitucións en ambos os equipos, o Dépor ampliou a súa vantaxe co cuarto tanto, no minuto 78, despois dunha acción na que o árbitro parou o xogo para atender ao malagueño Pau Torres cando os seus propios compañeiros non tiraran o balón fóra.

No bote neutral, os malagueños apropiáronse dunha pelota que antes do parón estaba en poder do Deportivo. Pero David Simón recuperouna con celeridade e a acción acabou nun 2 contra 1 de Borja Valle e Saúl contra Iván Rodríguez no extremo esquerdo, que o berciano liquidou cun potente dereitazo raso ao primeiro pau que sorprendeu a Munir.

O Deportivo defendeu fenomenalmente todos os embates do equipo andaluz, cuxa mellor ocasión para acurtar distancias chegou na última xogada do partido, no cuarto minuto de tempo engadido. Blanco Leschuk cabeceou un centro de Ricca, pero Dani Giménez respondeu cunha felina estirada coa que mesmo quedou co balón nas súas mans.

Deste xeito, o Deportivo conta con dous goles de vantaxe para o encontro de volta, o sábado 15 (21:00 horas, Movistar Partidazo) no estadio de La Rosaleda. Os branquiazuis lograrán o pase á final do playoff de ascenso en caso de gañar ou empatar en Málaga, de perder por 1 gol ou de perder por 2 tantos pero marcando 3 ou máis goles. En caso de repetirse o marcador de hoxe, xogaríase unha prórroga de 30 minutos. En caso de manterse o 4-2 ao final dos 120 minutos, clasificaríase o equipo andaluz por quedar por encima á conclusión das 42 xornadas de LaLiga 1|2|3.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Somma, Saúl, Fede Cartabia (Diego Caballo, min. 81), Álex Bergantiños, Edu Expósito, Pedro (Nahuel, min. 69), Carlos Fernández e Borja Valle (Vicente Gómez, min. 86).

Málaga CF: Munir, Iván Rodríguez, Luis Hernández, Pau Torres (Diego González, min. 80), Ricca, Boulahroud (Erik Morán, min. 66), Keidi Bare, Adrián (Pacheco, min. 66), Renato Santos, Blanco Leschuk e Ontiveros.

Goles: 0-1 Luis Hernández (min. 18); 1-1 Carlos Fernández, de penalti (min. 21); 1-2 Ontiveros (min. 37); 2-2 Pedro (min. 56); 3-2 Carlos Fernández (min. 63); 4-2 Borja Valle (min. 78).

Árbitro: Soto Grado (c. rioxano). Cartón amarelo a Pedro (min. 13), Iván Rodríguez (min. 25), Keidi Bare (min. 30) e Ontiveros (min. 90+2).

Incidencias: partido de ida da primeira eliminatoria do playoff de ascenso a LaLiga Santander disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 24.267 espectadores.