RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor disputa esta tarde en Pasarón ante o Pontevedra CF o seu segundo amigable de pretemporada

O Deportivo disputará esta tarde a partir das 20:00 horas en Pasarón o seu segundo amigable desta pretemporada após a vitoria o pasado martes (0-4) no Couto ante o Ourense CF no Trofeo Miguel Ángel. 

Auga de Parada fará posible, un ano máis, a retransmisión deste encontro, así como o do resto da pretemporada do Dépor, pola canle oficial do Club en YouTube a excepción, polo momento, do encontro do martes 30 en campo do FC Famalicão.

Imanol Idiakez leva a todo o cadro fóra de David Mella, que este domingo 28 de xullo disputará con España a gran final do Campionato de Europa sub-19, con Francia como rival.

A maiores están citados para Pontevedra os canteiráns Rubén López, Kevin Sánchez e Pablo García.

Esta mañá, o equipo realizou un último adestramento na Cidade Deportiva, cunha activación con rondos e xogos, e un exercicio táctico.

Mario Soriano e Raúl Alcaina exercitáronse co readaptador, Fernando Rodríguez.

Pola súa banda, o Pontevedra CF, un histórico do fútbol galego, loitará esta campaña por regresar a Primera Federación após quedarse ás portas do ascenso a pasada temporada.

Na súa estrea nesta pretemporada, o club granate fixou os prezos das entradas en 10 euros (adultos) e 5 euros (maiores de 7 anos). Os despachos de billetes do Estadio de Pasarón abrirán a partir das 19:00 horas.

Finalizado o encontro, o Dépor ten mañá domingo xornada de descanso previa á concentración da próxima semana en Portugal.