O Deportivo conclúe o ano 2022 mañá domingo 18 de decembro ás 12:00 (InSports.tv) no Estadio Alfonso Murube de Ceuta, en partido correspondente á 17ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
Os resultados da fin de semana pasada deixaron a #OSNOSOS quintos na táboa con 29 puntos e máis preto da cabeza da clasificación, porque por diante marchan Racing de Ferrol (30 puntos), Real Madrid Castilla (32), AD Alcorcón (33) e Córdoba CF (36 puntos).
Óscar Cano recupera para este partido a Mario Soriano e Roberto Olabe, que se perderon por sanción o encontro do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Racing de Ferrol, saldado cun xusto triunfo deportivista (2-0) nunha das mellores actuacións da temporada.
Por contra, causa baixa obrigada Isi Gómez, afectado dunhas molestias musculares que lle impediron adestrar co grupo durante toda a semana.
#OSNOSOS adestráronse onte venres por última vez en Abegondo e este mediodía fixérono na Cidade Deportiva José Ramón Cisneros Palacios do Sevilla FC, en ruta cara a Ceuta.
Un quecemento, rondos, unha tarefa de finalizacións e fútbol en espazo reducido foron os exercicios dispostos polo corpo técnico nunha mañá fose do habitual, con traballo lonxe de Abegondo, a case 1.000 quilómetros da Cidade Deportiva branquiazul.
Onte en sala de prensa, Óscar Cano non quixo buscar escusas en condicionantes externos como pode ser a longa viaxe até Ceuta con avión, autocar e barco: "Non quero ter nin unha escusa. Témonos que centrar no futbolístico".
"A min o da viaxe, que sexa máis estraño, que a climatoloxía vaia a cambiar... Non quero nin media escusa. Nós non nos podemos queixar polo equipo que temos, o Club que somos... Todo o mundo viaxa nas mesmas condicións. Imaxinádevos eles, que veñen cada 15 días á Península a xogar. Non será moi agradable. Son viaxes longas, un pouco máis raras que as que habitualmente facemos pero para nada ten que ser un hándicap en contra", concluíu rotundo o adestrador deportivista, que mantén en alerta aos seus futbolistas despois da mala tarde vivida na última saída do Dépor, en Badaxoz.
Pola súa banda, o AD Ceuta FC é pechacancelas con 7 puntos aínda que chega ao partido no seu mellor momento, tal e como apuntou Óscar Cano ante os medios de comunicación, após empatar (2-2) en Linares a pasada fin de semana e despois de derrotar ao UD Sanse (3-1) no seu último partido no seu campo.
No entanto, os números do cadro ceutí non son bos esta temporada en Ceuta. Gañou un partido, o citado ante o UD Sanse; e caeu ante RC Celta B (1-3), Algeciras CF (1-3), Racing de Ferrol (0-2), AD Alcorcón (1-2), Córdoba CF (1-2) e Pontevedra CF (1-2); cun total de 8 tantos marcados e 15 encaixados.
Finalizado este último encontro de 2022, #OSNOSOS comezan as súas vacacións de Nadal.

