RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor, esporeado pola derrota do martes, recibe mañá a un Racing de Ferrol perigoso fóra de casa

O Deportivo recibe mañá domingo 11 de decembro ás 19:00 horas en ABANCA-RIAZOR ao Racing de Ferrol, en partido correspondente á 16ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Os Nosos chegan ao partido, último do ano 2022 na Coruña, despois da dolorosa derrota do pasado martes en Badaxoz (1-0) na última xogada e situados en 5ª posición da clasificación con 26 puntos, os mesmos que o Linares Deportivo (6º).

Óscar Cano explicou onte venres en rolda de prensa que no adestramento do xoves "fíxenlles saber que non estivemos ao noso mellor nivel, que non foi o noso mellor partido. Estiven a falar con eles despois do adestramento e díxenlles que un día malo pódeo ter calquera equipo como é normal no mundo do fútbol pero non pode volver sucedernos esa perda tan esaxerada de tensión".

Asegurou que no vestiario branquiazul están xa "perfectamente enfocados no que vén. E o que vén é o Racing de Ferrol. O fútbol por sorte ten iso. Ti podes facelo moi mal que aos 3, 4, 5, 6, 7 días tes a oportunidade de arranxar aquilo que non fixeches ben"·.

Son baixa obrigada Mario Soriano, expulsado no Nuevo Viveiro, e Roberto Olabe, que viu nese partido o seu quinto cartón amarelo e terá que cumprir un encontro de sanción.

O técnico deportivista desvelou onte que "probamos 3 xogadores" para a demarcación de Mario Soriano. "Mañá (por hoxe) imos insistir e o que arroxe o adestramento, no sentido de onde vexo eu ao equipo máis redondo, onde vexo máis harmonía, onde se flúe de mellor maneira tendo en conta non só ese cambio senón o resto", conclúe.

Esta mañá en ABANCA-RIAZOR, coa participación tamén do fabrilista Brais Val, o corpo técnico dispuxo no último adestramento previo ao partido dun quecemento, un exercicio ataque-defensa, un partido e un repaso de accións a balón parado.

Pola súa banda, o Racing de Ferrol, 4º na táboa con 30 puntos, preséntase en ABANCA-RIAZOR apoiado por máis dun milleiro de afeccionados e despois de derrotar na Malata o pasado mércores ao Linares Deportivo (2-0).

Lonxe de Ferrol, os racinguistas esta temporada gañaron en Majadajonda (0-1), San Fernando (0-1), Badaxoz (0-3), Ceuta (0-2) e Pontevedra (0-2); empataron en Alxeciras (1-1); e caeron en Fuenlabrada (1-0) e na súa visita á Balompédica Linense (2-1). Ademais o seu balance goleador é claramente favorable: 11 tantos marcados e só 4 encaixados.

Cristóbal Parralo, técnico racinguista, lembrou en rolda de prensa que "o Deportivo é un equipo perigoso o collas cando o collas", en alusión á derrota branquiazul en Badaxoz o pasado martes.

Advirte que no cadro de Óscar Cano hai "xogadores determinantes como pode ser Quiles. Ten un bo cadro. As baixas témolas todos os equipos e hai que xogar con elas. A temporada é moi longa, prodúcense baixas e para iso están os cadros".

Con pasado en #ANOSACANTEIRA e no primeiro equipo e agora defendendo as cores do Racing de Ferrol están Cristóbal Parralo; Javi Manjarín e Pablo López, segundos adestradores; e os xogadores Diego Rivas, Tomás Bourdal e Quique Fornos.

Finalizado o encontro, Os Nosos adéstranse de novo o luns 12 de decembro ás 10:30 en Abegondo.