Co partido de mañá sábado 27 de agosto ante o DUX Internacional de Madrid, correspondente á 1ª xornada de liga en Primera Federación, xa oficialmente aprazado polo Xuíz Único de Competición da RFEF, Borja Jiménez, que xa vaticinaba este desenlace, decidiu dar onte un xiro á súa planificación semanal.
En rolda de prensa, o técnico deportivista explicou hai 24 horas en Abegondo os plans do equipo branquiazul para esta estraña fin de semana, primeira de competición: "Mañá venres descarga o equipo. O sábado pola mañá faremos unha sesión preparatoria e logo a competir o sábado pola tarde. ¿Que non se xoga o partido? Buscaremos unha solución a última hora para tentar competir porque xa partimos en desvantaxe respecto ao resto de rivais".
Pois ben, esa xornada de descarga de hoxe á que se referiu Borja Jiménez consistiu nunha actividade por xentileza de Karting Marineda do Centro Comercial Marineda City.
Atrás quedan os anos das concentracións de verán ou as xiras de amigables, idóneas tamén como días de convivencia entre veteranos e as novas caras. Lonxe está o rafting polo Río Miño con Miguel Ángel Lotina ou os xogos na praia de Isla Canela con Joaquín Caparrós.
Co equipo con base única na Cidade Deportiva nestas semanas de preparación, Borja Jiménez aproveita calquera físgoa no calendario para fomentar os lazos de grupo, tan necesarios cando cheguen as curvas innatas a calquera competición.
Xa ocorreu a temporada pasada con outra xornada nos karts ou cunha experiencia de escapismo na Grela xusto antes de encarar o playoff de ascenso.
Así pois, futbolistas, técnicos, persoal sanitario e auxiliares cambiaron por unhas horas o céspede, os balóns e as picas da Cidade Deportiva polos cascos, os karts e a bandeira a cadros nunha mañá de diversión, idónea para facer piña en vésperas de arrancar unha maratoniana temporada.
Despois de hora e media de intensa competición no circuíto, o equipo integrado por Raúl Carnero, Gorka Santamaría, Carlos Lariño (Xefe dos Servizos Médicos), Pablo Barros (delegado), Alex Santiso (nutricionista) e Sergio Roca (preparador físico) subiu todo o máis alto do caixón nunha cerimonia que non tivo nada que envexar á que se pode ver na Fórmula Uno cada quince días por todo o mundo.
Mañá sábado, o equipo adéstrase a porta pechada en ABANCA-RIAZOR a partir das 10:30 para continuar a súa preparación e "traballar, que xa o estamos facendo, neses defectos que se cadra o ano pasado custáronnos un pouco máis", tal e como subliñou estes días Jaime ante os medios de comunicación.