RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor mantén pisado o acelerador cun alto ritmo de traballo tamén na sesión de hoxe

En contra do que é habitual dous días antes de cada partido nos que as tarefas de recuperación eran as protagonistas, Borja Jiménez mantivo esta mañá pisado o acelerador e dispuxo unha sesión de alta intensidade, cun exercicio de fútbol reducido no campo 2 como tarefa principal.

Xa o constatou o capitán Álex Bergantiños na sala de prensa, ao cualificar de "positiva" a semana: "Os adestramentos subiron con respecto ás semanas previas que descoidamos certas cousas. Ese nivel de tensión vai servir para unha activación mellor e saír moitísimo mellor ao partido do sábado", engade o futbolista coruñés.

A xornada completouna un quecemento con rondos e un repaso das accións a balón parado, de cara á visita da Cultural Leonesa a ABANCA-RIAZOR, prevista para o sábado 19 de marzo ás 19:00 horas (fuchs-sports.com), en partido correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Primera RFEF.

Noel, Yeremay, Iván Guerrero e Trilli, este último con traballo individualizado, foron a representación de #ANOSACANTEIRA.

As ausencias no grupo, ademais do citado Trilli, foron Víctor e Álvaro Rey, os dous tamén con adestramento personalizado.

Mañá venres 18 de marzo, o Dépor cambia o plan en ABANCA-RIAZOR. En lugar da as 10:30, como estaba fixado inicialmente, o cadro adestrarase a partir das 18:00, a porta pechada.