RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor recupera a Ximo Navarro, unha moi boa noticia, para o primeiro partido do ano mañá en ABANCA-RIAZOR ante a Real Sociedad B

O Dépor estrea o ano 2024 en liga mañá xoves 4 de xaneiro ás 19:00 (TVG-2 e FEF TV) ante a Real Sociedad B, en partido correspondente á 18ª xornada, penúltima da primeira volta, no grupo 1º de Primera Federación.

Será o primeiro do catro partidos deste mes de xaneiro ante rivais da zona alta da clasicación. A continuación esperan quenda a Cultural Leonesa (domingo 14), SD Ponferradina (domingo 21) e Celta Fortuna (domingo 28).

Os resultados da última xornada do ano 2023, co triunfo (1-2) en Espiñedo ante o CD Arenteiro, deixaron a Os Nosos na 7ª posición da táboa do grupo 1º con 26 puntos.

Así pois, o Dépor busca de novo enlazar dúas vitorias, circunstancia crave para Salva Sevilla nos seus propósitos para este ano novo, tal e como asegurou na sala de prensa: "Hai que ter un pouco máis de regularidade; ser capaces de enlazar vitorias seguidas, que iso durante o ano non o fixemos e non nos permitiu estar arriba". 

A novidade é o regreso de Ximo a unha convocatoria após a súa lesión muscular no partido do pasado mes de novembro en Irún. "Unha moi boa noticia", subliñou Imanol Idiakez en rolda de prensa este mediodía.

Son baixa por lesión Jaime e Barbero, este a piques de incorporarse aos adestramentos co grupo; ademais de Martín Ochoa e Retuerta, en repouso deportivo.

Sobre Barbero, o técnico deportivista confirmou que "deu pasos adiante e que pode estar cerquiña de incorporarse ao grupo".

E de Martín Ochoa, operado no mes de decembro, Imanol Idiakez aclarou que sufría "un problema importante para poder competir. Non o podiamos contar porque nos debilitaba de cara aos rivais, pero a min tamén me condicionaba e sobre todo ao mozo, que non podía render ao seu mellor nivel. Así que estou a desexar que se recupere a mellor maneira e que nos poida volver axudar canto antes".

Mella, Kevin, Rubén e Jairo son os representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria feita pública este mediodía, aínda que hoxe adestrouse tamén Iano Simão, sen licenza para competir no primeiro equipo. "É un mozo moi preparado, que está a facer unha moi boa temporada co filial e a partir de aí do que vaia decidindo Fernando (Soriano, Director Deportivo) pois pasará. Nós estamos ao ver. Xa lle coñeciamos. Evidentemente seguímoslle, adestrou connosco algúns días durante a temporada, pero é verdade que até o mercado non era unha posibilidade de porlle e agora estamos tamén terminando de coñecerlle e sobre todo, que se se dá a posibilidade, el tamén coñeza o que facemos nós", apuntou o entrrenador deportivista.

Os Nosos realizaron esta mañá a última sesión previa ao partido, cunha activación e roldo no campo 2; e fútbol reducido e repaso ás accións a balón parado no campo 3.

Pola súa banda, a Real Sociedad B, que despediu o ano pasado cun empate en Zubieta (2-2) ante a Real Unión de Irún, é 7º na clasificación con 30 puntos após estar algunha xornada no liderado.

O filial donostiarra non coñece a derrota no que vai de liga lonxe de San Sebastián, posto que empatou en Teruel (0-0), Sestao (0-0), Tarragona (2-2) e Fuenlabrada (1-1); e gañou en Cornellá (0-1), Sabadell (1-2), Logroño (0-2) e Vigo (1-2).

En rolda de prensa, Jose Ángel apuntou respecto diso que "os datos están para rompelos. É unha cousa significativa. De feito habería que darlle o parabén porque estar media temporada sen perder é moi difícil e sobre todo nesta categoría".

Finalizado o partido, Os Nosos adestraranse de novo o venres 5 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.