O Dépor arrincou o mes de marzo este domingo 1 con vitoria por 2-3 no Estadio Zubieta ante a Real Sociedad B en partido correspondente á 28ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Antonio Hidalgo cualificou o partido de "complicado, igualado, como moitos que nos imos a atopar".
Con este resultado, Os Nosos suman 49 puntos empatados na 2ª praza co CD Castellón e UD Almería. Polo golaverage xeral, os levantinos son segundos e os andaluces cuartos, deixando ao Dépor na 3ª posición.
O equipo tivo a baixa de Yeremay, sancionado pola súa expulsión ante a SD Eibar e ademais cunha pequena lesión nun aductor.
O técnico deportivista non se fixa un prazo para o seu regreso: "Imos ver esa evolución como é. Entendemos que non é moita cousa. Tentaremos que estea canto antes para render a ese máximo nivel".
Luismi Cruz foi o seu substituto, situado en banda dereita. O outro cambio no once respecto á pasada fin de semana foi a entrada de Stoichkov por Villares, co que Riki e Mario Soriano foron os que pilotaron ao Dépor.
Bil foi o representante de ANOSACANTEIRA, decisivo en Zubieta.
Pola súa banda, a Real Sociedad B, despois de 3 vitorias consecutivas, presentábase ao encontro con 34 puntos na 14ª posición.
Empezou ben o Dépor. Aos 4 minutos, após un centro de Luismi Cruz que a meta Fraga non é capaz de sacar de puños en dúas ocasións, Stoichkov remata a gol a pracer o balón solto na área donostiarra. O colexiado, o valenciano Sergiu Muresan anula o gol por fóra de xogo aínda que o VAR deulle validez.
Por detrás no marcador, a Real Sociedad B lanzouse a unha presión alta.
Iso si, aos 20 minutos, Stoichkov puido volver marcar nunha contra que lanzou Mella. O dianteiro andaluz recortou ao seu par e o seu chute estrélase no pau esquerdo da meta da Real Sociedad B. O balón botoulle diante ao porteiro vasco, que tampouco logrou despexar.
Empatou a Real Sociedad B aos 23 minutos. Astiazaran remata a pracer un balón que quedou morto na área pequena após despexar Ferllo ao pau un disparo de Ochieng.
O choque volvía á casa de saída.
O central Beitia probou fortuna desde fóra da área no minuto 27. O balón foise rozando o pau esquerdo da portería deportivista.
Pouco despois, Ferllo ten que empregarse a fondo nun centro raso de Garro desde a banda dereita ao corazón da área pequena coruñesa. A punto estivo Ochieng de aproveitar a xogada.
Empuxaba o filial vasco a por a remontada.
Na recta final da primeira metade, Balda, de volea, case bate a Ferllo. O lateral da Real Sociedad B aproveitouse dun despexe deportivista após un saque de esquina moi perigoso.
E Mariezkurrena xutou á media volta desde a frontal, tamén rozando o pau dereito da portería do Dépor.
Con empate chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Mella pasa á banda dereita e Luismi centra a súa posición polo costado zurdo.
O lateral destro Garro foi o protagonista da primeira xogada de perigo ao culminar alto ante Ferllo unha rápida transición realista.
Rodríguez, pouco despois, xutou lixeiramente alto.
Antonio Hidalgo move pezas. No minuto 55, Jose Ángel e Patiño relevan a Luismi e Eddahchouri. O inglés situouse en banda dereita e Stoichkov ocupou a punta de ataque en solitario.
A Real Sociedad B adiantouse no marcador no minuto 59 nunha indecisión defensiva deportivista que aproveitou Ochieng para fusilar a Ferllo por baixo.
"Eles viñan dunha dinámica importante, cun nivel táctico alto", apuntou o preparador branquiazul.
Mulattieri e Arnau relevan a Riki e Noubi. O italiano e Stoichkov ocuparon agora a punta de ataque.
"Tentamos recompornos da mellor maneira. O equipo mellorou", opinou o adestrador do Dépor na sala de prensa pospartido.
No minuto 72, Patiño cabeceou lixeiramente desviado un bo centro de Quagliata desde o carril zurdo.
Para a recta final, e en busca da igualada, Hidalgo deu entrada a Bil por Stoichkov.
O partido deu un xiro no minuto 73. Rodríguez viu a súa segunda amarela por unha falta a Mario Soriano. Vira a primeira poucos minutos antes noutra acción cos mesmos protagonistas.
Así pois, o Dépor afrontaba a recta final con superioridade numérica.
No entanto, Astiazaran tivo nos seus o terceiro. Xutou alto con todo a favor.
O que non fallou no minuto 82 foi o canteirán Bil. Recolleu un balón na área, regateou ao seu par e colocouno no pau esquerdo lonxe do alcance de Fraga.
O técnico deportivista explica que "tentamos abrir moito o campo por fóra. Logo foi Alti por fóra para ver se a perna natural podiamos cargar a área. E con Bil meter máis xogadores dentro da área. Estou moi contento por el, por #ANOSACANTEIRA, porque é moi necesaria tamén. Está a facer un traballo brutal, como Noé e todos os mozos que están connosco".
O dianteiro fabrilista asegurou na zona mixta que "é o que fago nos adestramentos".
Lanzouse o Dépor a por o triunfo cun rival descaradamente á defensiva.
Após un asedio continuo con chegadas polas dúas bandas chegou o premio no desconto.
Altimira mete un balón en profundidade a Mario Soriano por banda dereita e bate por baixo de tiro cruzado a Fraga.
O centrocampista branquiazul desvelou que "dubidei en centrar forte para que tocase en alguén e entrase, pero se se vai longo non pasa nada. Ao final díxenme 'vou golpearlle'. E así foi. Gol, vitoria e para casa todos felices".
A Real Sociedad B quedou sen tempo para tentar a igualada.
"Lográmoslle darlle a volta e sumar 3 puntos importantísimos para seguir na pelexa", resumiu Antonio Hidalgo.
Real Sociedad B: Fraga, Balda, Beitia, M. Rodríguez, Mariezkurrena (Carrera, min. 63), Ochieng (Marchal, min. 75), Carbonell, Astiazarán (Kita, min. 84), Garro, Aguirre (Gorosabel, min. 75) e Ayo (Agote, min. 84)
Deportivo: Ferllo, Alti, Noubi (Arnau Comas, min. 63), Loureiro, Quagliata, Riki (Mulattieri, min. 63), Mario Soriano, Mella, Luismi (Jose Ángel, min. 55), Stoichkov (Bil, min. 73) e Eddahchouri (Patiño, min. 55)
Árbitro: Sergiu Claudiu Muresan Muresan, do comité valenciano. Amoestou a Rodríguez (min. 68 e 73), Altimira (min. 69) e Garro (min. 84)
Goles: 0-1 Stoichkov (min. 4); 1-1 Astiazaran (min. 23); 2-1 Ochieng (min. 59); 2-2 Bil (min. 82); 2-3 Mario Soriano (min. 90+4)
Incidencias: partido disputado no Estadio Zubieta cuns 400 deportivistas na bancada
