RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor sucumbe con dez en Salamanca (2-1)

O Deportivo, lastrado pola expulsión de Olabe ao comezo da segunda metade, volve sen carga da súa visita ao Unionistas de Salamanca CF, que remontou o temperán tanto do cadro herculino con goles dos ex branquiazuis Mario Losada e Christian Santos.

O adestrador branquiazul, Óscar Cano, fixo tres modificacións con respecto ao once presentado o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta B. O sancionado Antoñito, o lesionado Pepe Sánchez e Rubén Díez deixaron o seu sitio no equipo titular a Adrián Lapeña, Roberto Olabe e Kike Saverio.

O Deportivo comezou dominando o encontro e creando algunhas ocasións de gol. No minuto 6 chegou a primeira, nun disparo alto de Lucas após unha triangulación ao bordo da área entre Quiles, Mario Soriano e o '7'. Só un minuto despois, os branquiazuis anotaron o 0-1. Lebedenko atopou entre liñas a Mario Soriano, que rapidamente lanzou un balón en profundidade para Lucas. O dianteiro de Monelos buscou a chegada de Quiles ao punto de penalti, onde un defensa se anticipou ao onubense. O coiro quedou morto na área e Mario Soriano anticipouse a outro defensor para bater cun duro derechazo a De la Cruz. Foi o sexto gol do alcalaíno na presente campaña.

Ao fío do cuarto de hora, Saverio rematou demasiado desviado, ao golpear co exterior, após unha longa acción do ataque deportivista.

Parecía que transcorría o partido plácidamente para os coruñeses cando no minuto 17, empatou o Unionistas de Salamanca CF. Mario Losada bateu a Mackay despois de recoller un balón solto, completamente só en tres cuartos de cancha, após un pelotazo de Pedraza. O que fora xogador do Fabril na temporada 2019-2020 non quixo celebrar o tanto en sinal de respecto ao seu ex equipo.

A partir de entón, o Dépor perdeu o seu poderío atacante e cedeu o control do partido ao equipo salmantino que, con todo, tampouco creou ocasións de gol en toda a segunda metade do primeiro período, máis aló dunha cabezada desviada de Juampa Barros no minuto 34.

A segunda metade non puido comezar peor para o Dépor, que quedou con dez homes polo segundo cartón amarelo a Olabe. O mediocentro salmantino de nacemento cometeu 3 infraccións nos primeiros 7 minutos da segunda metade e o colexiado non tivo máis remedio que mandalo á ducha antes de tempo. Nesa falta, Mackay interveu milagrosamente para desviar a córner o disparo de Juampa Barros.

Dous minutos despois, Óscar Cano retirou do campo a Saverio para dar a entrada a Rubén Díez e reestruturar o equipo, que pasou a xogar un 4-4-1, con Quiles na dereita e Mario Soriano na esquerda do mediocampo.

O Dépor non lle perdeu a cara ao partido, pero aínda que contivo as acometidas do rival, loxicamente custoulle chegar á meta contraria. Mediado o segundo período tivo cinco minutos de claro dominio, que se traduciron nunha acción polémica. Corría o minuto 68 cando Leal derrubou por detrás a Jaime dentro da área. O colexiado non sinalou penalti a pesar de que o central local derrubou ao deportivista cando se dispuña a fusilar a Salva de la Cruz despois de que rexeitase un disparo de Mario Soriano desviado polo propio defensa gaditano.

Quiles bateu á dereita da portería local, desde fóra da área, despois dunha deixada cara atrás de Mario Soriano, no minuto 79. Na xogada seguinte, chegou o tanto da vitoria local, cando outro ex branquiazul, o venezolano Christian Santos, bateu a Mackay cunha inapelable cabezada a centro desde a dereita de Fran Rodríguez. O internacional vinotinto tampouco celebrou o seu tanto.

O técnico deportivista introduciu entón a Svensson por Isi Gómez. O Dépor foise arriba con todo, cunha especie de 4-2-3, con Mario Soriano e Rubén Díez no dobre pivote. Os branquiazuis tiveron a pelota e meteron varios balóns na área salmantina, pero o único disparo chegou no terceiro dos cinco minutos de tempo engadido, un zurdazo alto de Kuki Zalazar, que acababa de substituír a Alberto Quiles.

Con esta derrota, o Deportivo queda con 54 puntos, a 3 do líder, o AD Alcorcón, que xoga mañá domingo ás 12:00 en campo do Algeciras CF. Os branquiazuis tamén quedan por detrás de Real Madrid Castilla, con 56 puntos após derrotar hoxe ao UD Sanse (1-0), e do Racing de Ferrol, que suma 55 puntos despois de vencer esta tarde ao San Fernando CD Isleño e ten un partido menos.

Unionistas de Salamanca CF: Salva de la Cruz, Fran Rodríguez, Leal, Pedraza, Gorri, Óscar Sanz (Veiga, min. 71), Nespral (Mikel Carro, min. 56), Chapela, De la Nava (Christian Santos, min. 56), Juampa Barros (Ramón Blázquez, min. 84) e Mario Losada (Ahn June-Huyk, min. 71).

RC Deportivo: Mackay, Diego Villares, Lapeña, Pablo Martínez (Jaime, min. 46), Lebedenko, Isi Gómez (Svensson, min. 84), Olabe, Quiles (Kuki Zalazar, min. 89), Mario Soriano, Saverio (Rubén Díez, min. 55) e Lucas.

Goles: 0-1 Mario Soriano (min. 7); 1-1 Mario Losada (min. 17); 2-1 Christian Santos (min. 80).

Árbitro: Bueno Prieto (c. madrileño). Expulsou por dobre cartón amarelo a Olabe (min. 52). Cartón amarelo a Óscar Sanz (min. 29), Olabe (min. 33), Nespral (min. 45+1) e Ramón Blázquez (min. 89).

Incidencias: partido da 30ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio Reina Sofía ante 4.848 espectadores, con ao redor de 1.500 representantes de #ANOSAFORZA.