RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor suma tres puntos de ouro en Talavera (0-1)

Sabendo xa o que fixera o líder a véspera en Vigo e á espera do que faga pola tarde o segundo clasificado, o Dépor afrontaba o partido no Prado coa posibilidade de recortar puntos e volver depender de si mesmo para lograr o obxectivo a partir desta fin de semana.

Para afrontar o segundo reto consecutivo a domicilio, Lapeña recuperou a titularidade no centro da zaga polos problemas físicos de Jaime, mentres que á zona central do campo regresaron Diego Villares e Rubén Díez, este após cumprir sanción ante o Sanse, substituíndo a Isi e ao lesionado Svensson.

Os dous equipos apostaron desde o inicio por baixar o balón ao céspede do Prado e tentar facer o seu partido desde o control do xogo a través do fútbol combinativo.

Non se completara o minuto 1 cando chegou o primeiro córner para o Dépor nunha mala xogada defensiva do Talavera, que fixo un pase atrás que se foi directamente fóra preto do pau. Un saque de esquina que Lucas puxo na cabeza de Pablo Martínez para que o central rematase lixeiramente alto. Sen solución de continuidade, Mario Soriano meteu entre a zaga para Lucas que non chegou pola anticipación da defensa a un balón que caeu morto na frontal e que Villares rematou frouxo ás mans de Biel Ribas

No minuto 10 chegou a primeira gran ocasión do Dépor cunha recuperación e internada en área após autopase de Lucas que serviu para a chegada en carreira de novo de Diego Villares ao punto de penalti. O lucense rematou forte pero ao centro da portería onde chapou Biel.

A resposta local foi case inmediata cunha xogada igual protagonizada por Buenacasa, que en lugar de ceder a un compañeiro buscou o disparo directo e acabou forzando un saque de esquina. Foron os mellores minutos en ataque dos locais no primeiro tempo, con senllos centros desde a dereita, o primeiro rematado con bote entes de chegar ás mans de Mackay, mentres que no segundo o gardameta levou un pequeno susto por un esvarón antes de atrapar un centro chute.

Cando o partido perdera o ritmo inicial e as chegadas á área empezaban a escasear, Lebedenko desfixo o equilibrio levantando a cabeza no semicírculo da frontal e rematando no oco entre defensas, o porteiro e o pau, para, raso e axustado, anotar o seu primeiro gol no Dépor e no fútbol español.

Con pouco máis balance ofensivo do Dépor antes do descanso e cun mal remate de volea desde o punto de penalti de Álvaro Juan por parte dos locais, púxose punto final aos primeiros 45 minutos.

A segunda metade empezou con outra cara, co Talavera tentou lograr o empate de principio a fin pero cun xogo moito máis trabado e brusco, con accións duras como a que sufriu Soriano cun golpe de Lass no pescozo ou Pablo Martínez cunha patada dura do recentemente entrado no campo Unai.

O propio Unai foi o autor do remate de cabeza ás mans de Mackay, mentres que Brau non atopou portería ao finalizar unha falta colgada por Lucas Alcazar.

O Dépor apenas puido saír de campo propio en toda a segunda parte, pero a pesar diso e dos constantes intentos de facer perigo por parte do Talavera, Mackay apenas sufriu e as ocasións claras non chegaron para os locais. O Deportivo soubo sufrir nun segundo tempo que se foi case até o minuto 53 para saborear unha vitoria a domicilio nun campo moi complicado e sumar 3 puntos de ouro que deixan o liderado a menos dun partido antes de regresar a ABANCA-RIAZOR a próxima fin de semana.

CF Talavera de la Reina: Biel Ribas, Parra (Neyder Lozano, min. 88), Ramos, Morante, Brau, Lass (Unai, min. 59), Reguera (Edu Gallardo, min. 74), Álvaro Juan, Zanelli (Alcazar, min. 59), Buenacasa (Javi Bo, min. 59) e Escudero.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Pablo Martínez, Lebedenko, Olabe (Isi Gómez, min. 88), Villares, Rubén Díez (Pepe Sánchez, min. 88), Soriano, Quiles (Yeremay, min. 76) e Lucas.

Goles: 0-1 Lebedenko (min. 29).

Árbitro: Alemán Pérez (c. canario). Amoestou a Lass (min. 47), Unai (min. 61), Villares (min. 74), Yeremay (min. 85), Álvaro Juan (min. 88) e Neyder Lozano (min. 90+6).

Incidencias: partido da 24ª xornada de Primeira Federaciín disputado no Estadio Municipal El Prado de Talavera de la Reina.