RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor súmase á Xornada Retro de LaLiga cunha camiseta inspirada en finais dos anos 80

O Dépor formará parte na primeira Xornada Retro que organiza LaLiga na 35ª xornada, con motivo da visita á SD Huesca.

Trátase dunha acción inédita no fútbol profesional europeo na que 38 clubs de LaLiga EA Sports e LaLiga Hypermotion saltarán ao terreo de xogo con novos equipamentos inspirados en edicións icónicas do seu pasado, acompañados tamén polos árbitros, que vestirán un deseño especial a través do Comité Técnico de Árbitros (CTA) da RFEF.

Asegura LaLiga na súa páxina web que "as camisetas históricas, reinterpretadas para a competición actual, actúan como unha ponte entre xeracións, conectando as orixes da afección coa forma na que hoxe se vive o fútbol".

Para o organismo que agrupa aos clubs profesionais españois, esta iniciativa "une fútbol e moda no propio terreo de xogo, situando a LaLiga como a única das 5 grandes ligas europeas en impulsar unha acción conxunta destas características".

A camiseta da xornada retro do RC Deportivo recupera un dos deseños máis representativos de finais dos anos 80.

Durante esa década consolidouse a estética de franxas azuis e brancas estreitas, recuperadas após a temporada do descenso a Tercera, e apareceron as primeiras marcas de roupa que vestiron ao equipo, como Austral, Gilcor ou Rafrey. 

Tamén chegou o primeiro patrocinador da camiseta, Hotel Rías Altas, na temporada 1985-86.

O deseño que inspira esta peza estreouse na temporada 1987-88, coincidindo coa firma dun novo patrocinador técnico (Rafrey) e cunha campaña crave na que o RC Deportivo logrou a permanencia para evitar o descenso a Segunda B grazas ao gol de Vicente Celeiro, na última xornada, fronte ao Racing de Santander. 

Aquela camiseta (manga curta, fondo branco e liñas finas verticais azuis) volvería verse sobre o céspede na temporada 1988-89 utilizada como segundo equipamento.

O RC Deportivo rescata esta camiseta histórica para revivir a estética e o carácter dunha época importante na súa evolución, previa a unha época gloriosa onde se conquistaron 6 dos 7 títulos oficiais do Club.

Está dispoñible en edición limitada nesta ligazón e nos próximos días na Deportienda de ABANCA-RIAZOR, Marineda City e a rúa Real da Coruña.