O Dépor venceu (0-1) hoxe domingo ao Burgos CF en partido correspondente á 23ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Óscar Gilsanz, na rolda de prensa pospartido, lembra que o choque tiña unha "dificultade moi alta ante un rival que está moi ben traballado a nivel defensivo e era moi difícil meter man".
Este resultado deixa a Os Nosos na 14ª posición con 28 puntos e un partido menos, o que xogarán en Tenerife o mércores 29 de xaneiro.
O técnico deportivista non puido contar con Escudero, con adestramento personalizado durante toda a semana; nin con Charlie Patiño, afectado dunha viriasis que lle impediu onte adestrar co grupo en Abegondo.
Coa banda esquerda do Dépor do Plantío conxelada polas baixas temperaturas, o que dificultaba mesmo o manterse de pé aos futbolistas, o primeiro disparo a porta chegou aos 5 minutos. Edu Espiau, á media volta, obriga a intervir a Helton Leite.
O Burgos CF optou por esperar aos branquiazuis no seu campo e saír á contra por velocidade. O guión buscado por Luis Miguel Ramis, ex deportivista agora á fronte dos burgaleses.
Ao cuarto de hora, Cordoba cabeceou lixeiramente desviado do pau esquerdo da meta de Helton Leite.
Edu Espiau, na recta final da primeira parte, volveuse a revolver na área e disparou demasiado alto.
De novo Espiau rozou o gol no minuto 42 ao coller as costas da defensa deportivista. O seu disparo cruzado márchase fóra por pouco.
Así se chegou ao descanso, con esta dobre ocasión para Edu Espiau.
Após o paso polos vestiarios, o partido seguiu co mesmo guión: repregamento dos locais e posesión para os branquiazuis, hoxe de amarelo, pero con poucos espazos para manobrar.
No entanto, Barbero tivo nas súas botas o 0-1. Ao recoller un balón perdido na área burgalesa nun dos poucos despistes casteláns, cruzou un balón que saca Cantero nunha gran parada.
No 52 téntao Yeremay despois dun saque de esquina. Volveu actuar con seguridade Cantero.
Non sufría o Dépor en defensa mentres que comezaba a achegarse con perigo á porta rival.
Óscar Gilsanz move o banco. Lucas e Villares relevan a Barbero e Mfulu.
O futbolista coruñés ocupou a punta de ataque.
Era mellor o Dépor, que recibiu o seu premio no minuto 69. Ximo Navarro entra como un puñal por banda dereita e o seu pase atrás remátao chegando desde segunda liña Mario Soriano.
Álex Sancris tentouno cun bo chute raso no minuto 80 que saca Helton Leite a córner.
Os últimos 5 minutos encarounos o Dépor con liña de 5 coa entrada de Jaime por Mario Soriano debido á acumulación de atacantes burgaleses.
Sen sobresaltos chegouse ao final, con 3 puntos máis entre a alegría de #ANOSAFORZA, presente en case dous milleiros de persoas nas bancadas do Plantío.
Burgos CF: Cantero, Florian Miguel, Arroyo (Pipa, min. 79), Atienza, Curro, Córdoba, Edu Espiau, I. Córdoba (Ojeda, min. 79), Morante (Fer Niño, min. 70), David López e Mario Cantero (Álex, min. 55)
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Obrador, Jose Ángel, Mfulu (Villares, min. 62), Mario Soriano (Jaime, min. 84), Mella (Gauto, min. 90+1), Yeremay (Petxarroman, min. 90+1) e Barbero (Lucas Pérez, min. 62)
Árbitro: Aix Reig, do comité valenciano. Amoestou a Ximo Navarro (min. 12), Mfulu (min. 49), Morante (min. 64), Curro (min. 71), Aitor Córdoba (min. 78) e Florian Miguel (min. 90)
Gol: 0-1 Mario Soriano (min. 69)
Incidencias: Partido correspondente á 23ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado no Plantío ante 11.050, deles case dous milleiros de deportivistas