RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor traballa en ABANCA-RIAZOR "automatismos claros e sinxelos para, en función do rival, facer unha cousa ou outra"

O Dépor completou esta mañá a única sesión da semana prevista en ABANCA-RIAZOR de cara ao peche da liga no grupo 1º de Primera Federación, o vindeiro sábado 27 de maio ás 19:30 en Pasarón ante o Pontevedra CF (TVG-2, g24.gal e InSports.tv).

Rubén de la Barrera dispuxo unha sesión de alta carga táctica, tal e como Adrián Lapeña explicou na sala de prensa do Estadio antes de arrancar: "Traballamos moitos aspectos para poder levar o equipo a campo contrario de maneira limpa. Está a tentarnos meter na cabeza diferentes alternativas para saír desde atrás con fluidez, con limpeza".

O defensor deportivista, que coincidiu co técnico coruñés na etapa de ambos na canteira da Real Sociedad, indica que o obxectivo é "ter uns automatismos claros e sinxelos para, en función do que faga o rival, poder facer unha cousa ou outra".

Lapeña subliña que "os nosos futbolistas de arriba xogan agora máis abertos, teñen diferentes opcións de mobilidade nesas partes de arriba para atopar espazos con vantaxe".

Pide "seguir metendo na cabeza as cousas que quere Rubén porque é pouco o tempo que temos así que temos que facelo de maneira acelerada e o máis rápido posible para que os automatismos que el quere saian sós".

Após un quecemento con rondos, o corpo técnico programou unha serie de exercicios tácticos intercalados cun torneo de partidos en espazo reducido, de alta intensidade.

Co canteirán Mella no grupo, Pablo Martínez tivo hoxe adestramento personalizado supervisado polo readaptador Alejandro Canosa.

Mañá xoves, o Dépor regresa a Abegondo a partir das 10:30, con almorzo previo para o cadro a partir das 9:00.