RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor visita mañá ao Linares Deportivo "agora que é xa morrer ou matar"

O Dépor rende visita mañá domingo 14 de maio ás 12:00 (InSports.tv) no Estadio de Linarejos ao Linares Deportivo, en partido correspondente á 36ª xornada (antepenúltima) no grupo 1º de Primera Federación.

Farao sen Lucas Pérez, que foi operado o pasado luns no Hospital Quirón Salud A Coruña dunha fractura no arco cigomático malar producido, tal e como explicou o propio futbolista nunha mensaxe a #ANOSAFORZA, "na última xogada do partido, nun choque cun xogador do AD Alcorcón".

O martes pola mañá, apenas 12 horas despois de pasar polo quirófano, o dianteiro coruñés xa se adestrou na Cidade Deportiva. O mércores pola tarde recibiu unha máscara protectora coa que se adestrou co grupo, aínda que finalmente non chegou a tempo para o partido.

Tamén é baixa Alberto Quiles, quen tamén cunha máscara protectora empezou esta mesma mañá a facer tarefas co grupo. O andaluz márcase como obxectivo volver en Pontevedra, no último partido de liga, tal e como manifestou o pasado mércores ao recoller en Abegondo o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do mes de abril: "Non fai nin unha semana que me operei e non teño dores. Xa empecei a facer traballo de ximnasio con Alejandro Canosa (readaptador) e vai todo fenomenal. Entón sigo mantendo ese prazo".

Óscar Cano apuntou onte venres na sala de prensa que as lesións dos dous dianteiros "son parecidas pero en gravidade non teñen nada que ver. Quiles está bastante máis amolado que Lucas. Quiles vai ben. Onte (polo xoves) saíu, tivo carreira, vai tendo boas sensacións. Aínda ten unha porcentaxe reducida de visión e iso co tempo irase corrixindo. Está nos tempos que se marcaron a partir da súa cirurxía", subliñou.

Completa o parte de baixas Diego Villares, que tamén queda fóra cunha escordadura no seu nocello dereito.

Si está recuperado Antoñito das molestias nun aductor que lle obrigaron a pedir o cambio o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR no transcurso do partido ante o AD Alcorcón e tamén regresa Pepe Sánchez, superada xa a súa lesión muscular. Óscar Cano indicou que o defensor granadino "pódenos dar esa variabilidade. Temos bos xogadores que se incorporan, que traballan, que chegan, que pisan o campo contrario... Pepe pode xogar de lateral. No Granada CF, eu non o lembro pero díxome que xogara un partido como central no primeiro equipo. Eu sempre o lembro en Primeira e en Segunda División como lateral dereito. Por tanto temos a posibilidade de ter un central como sempre e un lateral con outras características porque agora veñen partidos onde vai haber que fiar moi fino na preparación dos mesmos, porque isto é xa morrer ou matar. Ter esa variabilidade con Pepe vainos a dar moito".

O empate (0-0) do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o AD Alcorcón, así como os resultados do resto da xornada, deixaron a Os Nosos en 4ª posición da táboa con 63 puntos, por detrás de Racing de Ferrol (3º con 64 puntos), Real Madrid Castilla (2º con 65 puntos) e AD Alcorcón (líder con 67).

Coa presenza tamén dos canteiráns Diego Gómez e Dani Barcia, o Dépor adestrouse á primeira hora desta mañá en Abegondo antes de partir de viaxe a Linares, con voo a Sevilla. O corpo técnico, após un quecemento, dispuxo unha tarefa de finalizacións, un partido 11 contra 11 para concluír e un último repaso ás accións a balón parado.

Pola súa banda, o Linares Deportivo, que vén de perder (2-1) en Mérida, pelexa por entrar en playoff por segunda temporada consecutiva. Marcha en 6ª posición con 55 puntos por 57 do RC Celta B, 5º e último equipo que entraría agora mesmo nesa fase polo ascenso.

No partido da primeira volta en ABANCA-RIAZOR o pasado 16 de outubro, no debut de Óscar Cano no banco branquiazul, venceron os branquiazuis (2-1), con goles de Quiles e Rubén Díez na primeira parte.

No Municipal de Linarejos o equipo que dirixe Alberto González é un rival moi difícil de bater. Esta temporada gañou 11 partidos, a AD Mérida (2-0), UD Sanse (2-1), AD Alcorcón (1-0), Pontevedra CF (1-0), RB Linense (1-0), CF Talavera (3-0), Unionistas de Salamanca CF (3-0), Algeciras CF (2-0), Córdoba CF (2-1), CF Rayo Majadahonda (1-0) e CD Badajoz (2-1). Rascaron un empate AD Ceuta FC (2-2) e Racing de Ferrol (1-1); e gañaron RC Celta B (1-2), Real Madrid Castilla (0-2), Cultural Leonesa (0-2) e CF Fuenlabrada (0-2).

En rolda de prensa, o adestrador andaluz subliñou do Deportivo que "só nomealo pon os pelos de punta. Estamos a falar dun equipo que de pequenos o vimos gañar unha liga. E vimos xogadores como Djalminha, Rivaldo, Fran, Bebeto, Donato... Xogadores que nos fixeron gozar moitísimo como afeccionados, desde pequenos. E hoxe é un Club que vén aquí, que imos recibilo cos brazos abertos e dispostos a que o domingo sexa unha festa do fútbol para a xente de Linares e que poidan gozar dun gran espectáculo".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresarán en autocar á Coruña e adestraranse de novo o luns 15 de maio ás 11:15 en Abegondo.