O Dépor recibe mañá sábado 8 de abril ao CF Fuenlabrada (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv), en partido correspondente á 31ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
A xornada da pasada fin de semana deixou a Os Nosos na 4ª posición da táboa con 54 puntos, por detrás do Racing de Ferrol (3º con 55 puntos e 1 partido menos), Real Madrid Castilla (56 puntos) e AD Alcorcón (58 puntos).
En rolda de prensa, Óscar Cano lembrou onte xoves que "conseguimos moitas cousas até chegar a este punto porque isto é produto de que fomos capaces de estar no grupo que vai loitar por estar os primeiros clasificados e que boa parte da temporada non eramos dese grupo, quedábanos moi lonxe a primeira praza. Igual fomos capaces de ter certa estabilidade competitiva, con independencia do que fixésemos fóra de ABANCA-RIAZOR. Non só fomos carentes fóra senón que para estar arriba tes que ser moi forte no outro lado. Hai que mirar os números xerais. O que remarquei é esa ambición de que temos que ser mellores fóra porque tamén hai puntos fóra que se xogan e hai que obtelos".
Asegurou ademais que non caben distraccións polo partido na Malata no horizonte, con outro desprazamento masivo de #ANOSAFORZA, porque "vimos de caer derrotados, por tanto a xente vai ter ganas de eliminar ese borrón gañando en ABANCA-RIAZOR. E en segundo lugar porque nós en ningún momento nin dixemos nada respecto ao Racing de Ferrol e por suposto tampouco como adestradores, nin eu nin ningún membro do staff escoitou nada referente ao derbi. A xente está absolutamente enfocada no partido".
O técnico branquiazul perde a Roberto Olabe, que foi expulsado por dobre cartolina amarela o pasado sábado en Salamanca e que terá que cumprir un partido de sanción. Tampouco está entre os convocados Pepe Sánchez, que se recupera dunha lesión muscular.
Óscar Cano aclarou sobre o central andaluz que "é unha lesión que ten os seus prazos. Cremos que os pode acurtar porque temos uns Servizos Médicos, de fisioterapeutas, de readaptadores que é un espectáculo. Ademais de ser grandes profesionais son grandes persoas. E iso tamén axuda a recuperar unha lesión e como a afrontas a nivel mental".
Esta mañá, Os Nosos, aos que houbo que sumar ao fabrilista Marc, completaron a última sesión de adestramento en ABANCA-RIAZOR. O corpo técnico deportivista dispuxo, após un quecemento con xogos, unha tarefa de finalizacións, un partido e, para concluír, un repaso ás xogadas a balón parado.
Na primeira volta, en partido celebrado o pasado 27 de novembro no Estadio Fernando Torres, venceu o Dépor (0-3) con hat trick de Alberto Quiles. Iso si, os madrileños xogaron con 10 futbolistas desde o minuto 44 por expulsión de Diamé.
Os branquiazuis chegan ao partido de mañá trala citada derrota en Salamanca (2-1), cun gol local do triunfo nos últimos minutos e despois de xogar media hora con 10 xogadores; mentres que o CF Fuenlabrada, recentemente descendido de Segunda División A, venceu en casa ao CF Rayo Majadahonda (1-0) cun tanto de García aos 28 minutos; resultado que o aúpa á 14ª posición da táboa con 35 puntos.
Esta temporada lonxe do Estadio Fernando Torres, o CF Fuenlabrada, gañou en Linares (0-2) e San Sebastián de los Reyes (0-1); empatou en Salamanca (1-1), Pontevedra (0-0) e Alcorcón (1-1); e caeu en Córdoba (3-0), León (2-0), Majadahonda (4-1), San Fernando (3-0), La Línea (2-1), Talavera de la Reina (1-0), Ceuta (1-0), Ferrol (3-0), Alxeciras (2-1) e Mérida (2-0).
O adestrador do conxunto azulón, Alfredo Sánchez, asegurou que "o equipo adestrou ben toda a semana, moi concentrado" e chega a ABANCA-RIAZOR "en boas condicións, coa moral alta para afrontar o partido".
Do Dépor admite que "está a ter un pouco máis de dificultades fóra de casa pero os seus números din que nos seus últimos 8 partidos en ABANCA-RIAZOR só encaixou un gol. Sacou todos os partidos menos o día do Real Madrid Castilla. É un fortín. É un campo onde está moi arroupado, con moita xente. É un equipo con moita calidade, con moi bos xogadores. Hai que estar ao cento por cento para tentar sumar".
Haberá ademais tempo mañá sábado para saborear #ANOSAHISTORIA porque tralo recoñecemento da xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol da oficialidade da Copa España e a concesión ao RC Deportivo do título de campión do ano 1912, Rafael Louzán, Presidente da Real Federación Galega de Fútbol fará entrega en representación da RFEF do trofeo custodiado desde hai máis de 100 anos polo Club. Será no tempo de descanso e no propio céspede de ABANCA-RIAZOR.
Concluído o encontro, Os Nosos teñen previsto adestrarse de novo o domingo 9 de abril ás 10:30 en Abegondo.

