O Dépor encara o seu terceiro partido nunha semana este domingo 7 de decembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) ante o CD Castellón en ABANCA-RIAZOR, correspondente á 17ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os Nosos gañaron en Albacete o pasado sábado 29 de novembro e en Sabadell en Copa o xoves 4 alcanzando as 7 vitorias consecutivas entre liga e torneo do k.o.
Antonio Hidalgo admite que pasar de rolda en Copa "é unha alegría tremenda polo traballo dos mozos, pola ilusión que nos fai seguir nesta competición, por poder traer un equipo de Primera División e pasar á terceira rolda, que hai moito tempo que non se conseguía".
A pesar do pouco tempo de descanso entre partido e partido, "estamos encantados de que sexa así. Quere dicir que estamos a facer as cousas ben".
Consígnaa foi clara no vestiario, segundo o técnico deportivista: "Tratar de recuperar da mellor maneira posible aos xogadores que tiveron máis minutos o outro día".
Explica que o equipo xa traballou o partido do CD Castellón "en pizarra e no adestramento de hoxe darlle máis mátices".
O Dépor chega ao choque á fronte da táboa con 32 puntos, os mesmos que o Real Racing Club (2º).
Son baixa por lesión Escudero, Ximo Navarro, Daniel Bachmann e Luismi Cruz.
Antonio Hidalgo explica que Lucas Noubi, que pediu o cambio no descanso en Sabadell con molestias estomacais, "xa se atopa bastante mellor".
De Luismi di que "empeza a evolucionar bastante ben" mentres que sobre Bachmann apunta que "cada vez está mellor pero hai que ir paso a paso, con tranquilidade. Está a adestrar connosco. Imos esperar que estea ao 100%".
E finalmente preguntado por Ximo Navarro, que tamén empeza a facer tarefas co grupo, Antonio Hidalgo subliña que "está a facer todo o posible por estar canto antes. Aínda quedan unhas cantas semanas por diante".
O equipo realizou esta mañá no Dépor Training Center un último ensaio antes do partido, cun repaso ás accións a balón parado.
Samu, Damián Canedo, Quique Teijo, Bil e Íker Vidal foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, o CD Castellón, que a pasada fin de semana derrotaba á UD Las Palmas (1-0), é 6º na táboa con 25 puntos.
Os castellonencos, que suman 3 triunfos consecutivos en liga, ademais non tiveron Copa del Rey esta semana posto que foron derrotados en primeira rolda polo Club Atlético Antoniano.
Fóra de Castalia esta temporada os blanquinegros gañaron á Cultural Leonesa (1-3), CD Leganés (0-1) e FC Andorra (1-3); empataron coa SD Eibar (0-0) e Burgos CF (0-0); e caeron co Real Racing Club (3-1), Córdoba CF (2-1) e UD Almería (1-0).
Pablo Hernández, en rolda de prensa, asegura que "nos enfrontamos a un equipo que está chamado a estar arriba. Están a facer moi ben as cousas e agora mesmo son o rival a bater".
Iso si, recalca que "queremos volver sacar un bo resultado fóra de casa e seguir coa dinámica. Imos con toda a confianza do mundo, sabendo que demostramos que se estamos ao 100% podemos competir contra calquera".
Finalizado o encontro, Os Nosos teñen descanso o luns 8 e arrincarán a semana con traballo complementario o martes 9 de decembro.
