RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor volve saborear unha vitoria (1-0)

O Deportivo volveu gañar despois de sete xornadas sen facelo, ao impoñerse pola mínima en ABANCA-RIAZOR a un CD Guijuelo que pelexou por levar un punto até o último instante pero que no global do partido foi moi inferior aos branquiazuis.

Rubén de la Barrera realizou cinco cambios con respecto ao once que presentou o pasado domingo no campo do Vao. Lucho García ocupou a portería en lugar de Carlos Abad; Bóveda e Héctor entraron nos laterais por Valín e Salva Ruiz; Villares fixo o propio en mediocampo por Keko; e Rayco substituíu na dianteira a Adri Castro. E non foron seis porque Miku lesionouse no quecemento, o que provocou que Lara, inicialmente suplente, repetise no equipo inicial.

Foi o andaluz, precisamente, o home que xerou as primeiras opcións claras de perigo. No minuto 9 escapou por velocidade e, aínda que o seu segundo control fóiselle longo, o balón caeu a pés de Raí que, desde a frontal da área, empalmou o coiro con dureza, pero o mesmo foise á esquerda da portería visitante. E no minuto 26, foi el mesmo quen abriu o marcador, ao remachar un balón solto na área após unha boa combinación en ataque. Rayco abriu cara á esquerda para Héctor, este atopou a Raí en profundidade e o seu centro ao corazón da área rebotou nun rival para quedar solto preto do punto de penalti, onde Lara o enganchou de forma imparable.

Até entón viuse a un Guijuelo peleón e a un Dépor dominador, moito máis veloz e preciso que de costume, capaz de filtrar balóns entre liñas e de obter superioridades polas bandas. Iso si, sen crear ocasións de importancia nin disparos a portería.

Coa vantaxe no marcador, os branquiazuis seguiron mandando. No tramo final chegaron dúas boas opcións para ampliar a vantaxe. A primeira foi un córner ao segundo pau onde Rayco foi derrubado cando se dispuña a rematar a porta baleira, xa que o gardameta visitante errara na súa saída de puños. Con todo, o colexiado non castigou a derriba. Xa no tempo engadido, o propio Rayco estivo a piques de bater a Salcedo cun durísimo disparo case sen ángulo. Pero o gardameta salmantino reaccionou rápido para desviar a saque de esquina.

A segunda metade seguiu os mesmos camiños, cun tramo inicial de claro dominio deportivista pero sen profundidade ou, como pouco, sen achegamentos dignos de mención. A cousa cambiou pasada a hora de xogo. No minuto 65, Villares recolleu un centro pasado de Héctor e conectou rapidamente con Rayco. O canario controlou o balón ao bordo da área pequena e á media volta, con todo a favor e sen defensas encima, disparou moi alto.

Dous minutos despois, Raí dispuxo doutra oportunidade similar. Bóveda gañou a liña de fondo, avanzou paralelo a ela e deixou a pelota para Rayco. O dianteiro cedeulla ao brasileiro, que tentou bater a Salcedo cun 'pase á rede', pero o seu toque perdeuse á esquerda da portería visitante.

No minuto 70, Agbo recuperou a posesión en campo contrario, conectou con Rayco e o canario deixou ao primeiro toque para Villares, que chegaba en carreira pola dereita. O ex fabrilista tentou sorprender ao meta visitante cun suave toque por alto, pero o balón foise á dereita do portal salmantino.

O primeiro disparo do Guijuelo chegou no minuto 73. Kamal empalmou un rexeite en curto da defensa herculina nas inmediacións da media lúa. O balón foise ás nubes. Pouco despois, este mesmo xogador viu a cartolina vermella, despois de protestar ao árbitro após recibir un cartón amarelo por unha dura entrada sobre Borja Galán.

Aínda cun xogador máis sobre o campo, o Deportivo tivo que sufrir nos minutos finais máis que en todos os 85 anteriores. O Guijuelo empuxou e os branquiazuis deron un paso atrás pasando a xogar cunha defensa de cinco homes trala entrada de Derik.

Os salmantinos chegaron en varias ocasións á área. Nunha delas, Borja Galán despexou en prancha un centro no segundo pau cando chegaba un xogador do Guijuelo a rematar. Xa en tempo de prolongación, Razvan fíxose co balón após un centro pasado ao segundo pau e lanzou un potente centro-chute que capturou Lucho García con seguridade no medio dun mar de pernas na área pequena.

RC Deportivo: Lucho García, Bóveda, Granero, Mujaid, Héctor, Agbo (Álex Bergantiños, min. 88), Borges, Villares (Borja Galán, min. 80), Raí (Derik, min. 88), Lara (Keko, min. 61) e Rayco (Claudio Beauvue, min. 80).

CD Guijuelo: Salcedo, Raúl Parra (Cristóbal, min. 52), Lucas (Damián, min. 46), Jonathan (Kike Pina, min. 32), José Martínez, Razvan, Deco (Kamal, min. 60), Carlos Rubén, Abrahan Pozo (Eizmendi, min. 52), Piñeiro e Isma Cerro.

Gol: 1-0 Lara (min. 26).

Árbitro: Saiz Pérez (c. cántabro). Expulsou con vermella directa a Kamal (min. 85), segundos despois de mostrarlle a amarela. Cartóns amarelos a Agbo (min. 37), Raúl Parra (min. 48), Lara (min. 58), Kamal (min. 85), Isma Cerro (min. 87) e Razvan (min. 90+3).

Incidencias: partido da 14ª xornada do Grupo 1 Subgrupo A de Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR a porta pechada debido á pandemia de COVID-19.