O Dépor ABANCA pon o punto e final ao ano 2025 cun dobre enfrontamento ante a Real Sociedad.
O primeiro deles foi en Liga F este domingo 14 de decembro en Zubieta, en partido correspondente á 14ª xornada; antes do de Copa de la Reina do domingo 21 ás 12:00 en ABANCA-RIAZOR.
Foron baixa por lesión Paula Monteagudo, Espe Pizarro e Henar Muiña.
Pola súa banda, Redru, titular hoxe, Paula Novo e Lucía Rivas foron as representantes de ANOSACANTEIRA.
O partido foi un asedio continuo da Real Sociedad, un equipo situado en postos Champions, que venceu por 3-0.
"Permitimos demasiado centro a un equipo que centra moi ben e remata moi ben", lamentouse Fran Alonso.
A primeira oportunidade do partido foi para Intza, cun centro chute desde a banda esquerda que repeleu o traveseiro da portería deportivista.
Ao minuto seguinte, no outro área, Vera centra raso tamén por banda esquerda, confíase a meta Estensoro e o balón estrélase mansamente no pau dereito.
O conxunto vasco apertaba con chegadas polas dúas bandas con Intza por unha banda e Emma por outro.
Aos 20 minutos, Lucía xuta na interior da área lixeiramente alto.
Edna, unha dianteira de gran potencia física, cabecea un centro de Pardo ao pau dereito da meta de Inês Pereira. Corría o minuto 28.
A Real Sociedad seguiu acumulando ocasións. Lucía recibe na área após unha mala saída de balón do Dépor ABANCA e dispara alto.
Rozou de novo o gol o cadro vasco aos 38 minutos cun remate de Lucía que pegou no traveseiro e botou fóra. O centro seguinte repéleo tamén o traveseiro.
O traveseiro da portería de Inês Pereira repeleu unha cabezada franca de Edna no minuto 41.
Con moito dominio da Real Sociedad pero con 0-0 chegouse ao descanso.
"Na defensa da área estivemos moi ben, a pesar de que tivemos moitísimo traballo", indicou o técnico deportivista.
Após o paso polos vestiarios chega o primeiro gol do partido.
Lucía Pardo empuxa á rede a pracer e en boca de gol un pase de Aiara desde o segundo pau.
Inês Pereira salva o segundo da Real Sociedad no minuto 52 cunha gran parada a tiro de Andreia desde fóra da área.
A internacional deportivista volve sacar in extremis outro remate de socato de Lucía Pardo no minuto 54.
Emma, no 61, atopouse de novo con Inês Pereira nun chute na frontal da área pequena.
Precisamente Emma logrou o segundo gol do partido ao rematar de forma inapelable un centro desde a esquerda de Andreia.
Seguían as ocasións locais. Aos 74 minutos, Edna cabecea unha falta lateral pero Inês Pereira saca noutra gran parada.
A dianteira realista, totalmente soa, falla de cabeza na área pequena libre de marca outro remate franco.
"Co 2-0 viamos que se marcabamos un gol metiámonos no partido. Tentámolo, tivemos as nosas ocasións", apuntou o preparador deportivista.
Pero chegou o terceiro da Real Sociedad no minuto 87 ao resolver Cahynova unha 'melé' na área cun chute suave ao que non pode responder Inês Pereira, taponada por un bosque de pernas.
Así se chegou ao final.
"O resultado é totalmente xusto. Gañou o mellor equipo", concluíu Fran Alonso.
Real Sociedad: Estensoro, Moraza, Apari, P. Fernández, Lucía Pardo (Eizagirre, min. 74), Andreia (Cahynova, min. 83), Lucía, Intza (Guridi, min. 83), Emma (Arola, min. 74), Edna e Aiara
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara, Raquel, Barth, Vera, Redru (Marina Artero, min. 60), Lucía Martínez (Lucía Rivas, min. 76), Paula Gutiérrez, Olaya (Lía, min. 82), Ainhoa Marín e Millene (Bárbara, min. 76)
Árbitro: Paola Cebollada, do comité aragonés. Amoestou a Lucía Martínez (min. 45+1), Redru (min. 45+1) e Arola (min. 90)
Goles: 1-0 Lucía Pardo (min. 46); 2-0 Emma (min. 63); 3-0 Cahynova (min. 87)
Incidencias: partido disputado en Zubieta nunha mañá fresca pero asollada
