RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Deportivo conquista o seu 17º Trofeo Concepción Arenal

O Deportivo adxudicouse hoxe martes 28 de agosto o LVII Trofeo Concepción Arenal ao imporse (0-1) ao Racing de Ferrol no campo da Malata.

Foi a 24ª participación e a cuarta consecutiva do Deportivo nun trofeo que conquistou ademais noutras 16 ocasións: 1956, 1963, 1966, 1969, 1973, 1974, 1982, 1985, 1986, 1987, 1996, 2002, 2003, 2011, 2016 e 2017.

En total, o Dépor disputou 29 encontros do trofeo, con 17 vitorias, 6 empates (resoltos en 4 quendas de penaltis gañadas e 2 perdidas) e 6 derrotas.

Natxo González aproveitou o compromiso desta tarde para dar minutos de xogo a futbolistas con menos presenza até o momento na liga, caso de Ortolá, Gerard Valentín, Pablo Marí, Dubarbier, Didier Moreno, Christian Santos ... ou a Michael Krohn-Dehli, que foi baixa o pasado venres en Estremadura e o será este sábado próximo en Tenerife por sanción.

O encontro da Malata serviu para ver os primeiros minutos do italiano Somma como branquiazul. Fixo parella no centro da zaga con Pablo Marí.

Por diante, o rombo estivo formado por Vicente Gómez, as ás para Didier Moreno e Krohn-Dehli, e Pedro Sánchez por detrás das puntas, Borja Valle e Christian Santos.

En fronte, un Racing de Ferrol no que milita o ex deportivista Seoane en plena reconstrución após a súa inesperada caída a Terceira División.

Con este panorama, foi o Deportivo o dominador absoluto do xogo, con Ortolá case como un espectador máis.

As mellores oportunidades na primeira metade foron un disparo de Seoane que se foi lamiendo o pau dereito da meta de Ortolá, unha cabezada de Didier Moreno que sacou Diego Rivas e un disparo de Pedro Sánchez que tamén foi repelido pola meta ferrolán.

A resistencia do Racing de Ferrol durou até o fío do descanso, que foi cando Didier Moreno enganchou unha deixada atrás de Borja Valle para bater a Rivas.

No descanso, Natxo González introduciu até 6 cambios e outros 2 ao cuarto de hora de xogo.

O partido seguiu coa mesma tónica, aínda con máis dominio deportivista quizais polo cansazo nas pernas dos racinguistas, moi curto de efectivos neste arranque de temporada.

As ocasións sucedéronse na meta ferrolá agora defendida por outro ex deportivista, Chema. O Racing, xa sen osíxeno e con medio equipo xuvenil, tratou na recta final de defenderse con orde ante a lóxica superioridade física e técnica do Dépor. E conseguiuno, pois acabou o amigable cun gol en contra.

Racing de Ferrol: Rivas (Chema, min. 46), Seoane, Villarejo, Catu (Tomé, min. 77), Garrido (Alberto, min. 77), Joel, Sanmartín (Luis, min. 59), Borja Hernández (Carlos García, min. 52), Juan Antonio, Leonardo (Edu, min. 67) e Marcos Álvarez.

RC Deportivo: Ortolá, Gerard, Somma (Mujaid, min. 46), Pablo Marí (Albentosa, min. 46), Dubarbier (Saúl, min. 62), Vicente Gómez (Mosquera, min. 46), Didier Moreno (Edu Expósito, min. 46), Krohn-Dehli, Pedro Sánchez (Carles Gil, min. 46), Borja Valle (Uxío, min. 46) e Christian Santos (May, min. 62).

Gol: 0-1 (min. 44): Didier Moreno.

Árbitro: Adrián González Franco (colexio galego).