RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo tráese do Molinón moito máis que tres puntos (0-1)

O Deportivo impúxose no Molinón cun solitario gol de Pedro Mosquera no tempo engadido da primeira metade, nun partido no que os coruñeses foron superiores e mesmo fallaron un penalti na primeira metade e apenas foron capaces de pasar de mediocampo nunha interminable segunda parte.

Pepe Mel, técnico branquiazul, realizou unha soa modificación con respecto ao partido do pasado xoves ante o Atlético de Madrid. Fernando Navarro entrou no once titular en detrimento de Gaël Kakuta. Luisinho, lateral esquerdo ante os colchoneiros, adiantou a súa posición para actuar na liña de tres cuartos.

Tras un comezo de encontro no que o Deportivo monopolizou a posesión, a primeira ocasión clara foi para o Sporting de Gijón. No minuto 9, Canella desbordou por banda esquerda e deixou o balón raso ao bordo da área para a chegada de Sergio Álvarez, que rematou alto.

A pesar de que seguiu mantendo o dominio do coiro con longas posesións, non disparou o Deportivo ata o minuto 21, nunha chegada pola dereita de Juanfran, que centrou para Florin Andone, que non puido chegar. Si o fixo Luisinho, que coa súa perna mala rematou desviado, á esquerda de Cuéllar.

Recentemente superada a media hora, Emre Çolak botou un saque de esquina que Vesga despexou coa súa man dereita cando Celso Borges dispoñíase a rematar coa súa cabeza. O propio futbolista turco encargouse executar o lanzamento desde o punto de penalti, que detivo Cuéllar lanzándose cara á súa esquerda. Corría o minuto 32.

Case sen tempo para respirar, Lux evitou o primeiro tanto do Sporting, nun disparo raso de Burgui que buscaba a cepa do pau dereito do portal deportivista.

Despois duns minutos nos que o partido se converteu nun ida e volta, o tramo final do primeiro período volveu levar o xogo polos camiños iniciais.

Ao fío do minuto 45, Andone realizou o primeiro disparo en xogo do Deportivo entre os tres paus. E no tempo engadido, tras outra xogada pelexada polo dianteiro romanés que provocou un saque de esquina, no lanzamento do mesmo por parte de Fayçal Fajr, chegou o 0-1. Pedro Mosquera, no segundo pau e sen saltar, rematou coa cabeza pegado ao poste esquerdo da portería xixonesa para adiantar ao conxunto herculino. Foi o segundo tanto do mediocentro coruñés esta temporada, tamén o segundo desde que viste de branquiazul.

O Deportivo cedeu o dominio da posesión na segunda metade, o que se traduciu nunha case permanente estancia do conxunto asturiano na metade herculina do terreo de xogo.

Recentemente superada a hora de partido, Lacina Traoré cabeceou un centro desde a dereita do ataque local, desviado á dereita do portal de Lux, na primeira oportunidade clara do equipo xixonés neste período.

No minuto 72, Borges tivo a oportunidade de ampliar diferenzas. O costarriqueño quixo coller a contrapé a Cuéllar cunha cabezada a centro de Luisinho, pero nin atopou portería nin a testa de Arribas ou Joselu.

Dez minutos despois, o Sporting gozou da súa mellor ocasión en todo o partido. Centrou Amorebieta, Carlos Castro baixouna co peito para Lacina Traoré e o marfileño, no seu remate coa esquerda ao bordo da área pequena, topouse cunha milagrosa luva dereita de Lux.

Cando se cumpría o minuto 90, Cuéllar derrubou cunha durísima entrada a Joselu, que buscaba un servizo desde a esquerda de Ola John. O colexiado non pitou nada, e o balón chegou a Carles Gil que, sen porteiro baixo paus, estrelou o seu remate no corpo de Meré, que se tiraba á desesperada para evitar o 0-2.

Na última acción do partido, o Sporting colgou un balón que Lux, no seu salto con Lacina Traoré, despexou cara atrás. O esférico caeu preto da liña de fondo, a pés de Amorebieta, que non puido nin rematar nin devolver o balón cara ao centro.

Con esta vitoria, a primeira lonxe de Riazor esta temporada, o Deportivo consegue moito máis que tres puntos. O triunfo en Xixón puxo fin a unha serie de oito partidos sen gañar, rompeu unha serie de cinco encontros sen vencer no Molinón, onde non triunfaba desde o 13 de xaneiro de 1999 e distanciou a seis puntos máis o golaveraje a un rival directo como o Sporting. Ademais, o Deportivo mantivo a súa porta a cero por primeira vez desde o empate sen goles ante o Villarreal (fai sete xornadas) e ve como a zona de descenso que marca o Granada (cun partido máis) queda agora a catro puntos de distancia.

Real Sporting de Gijón: Cuéllar, Douglas (Čop, min. 75), Meré, Amorebieta, Canella, Vesga, Sergio Álvarez, Carmona, Moi Gómez (Víctor Rodríguez, min. 14) (Carlos Castro, min. 66), Burgui e Lacina Traoré.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Borges, Pedro Mosquera, Fayçal Fajr, Emre Çolak (Carles Gil, min. 57), Luisinho (Ola John, min. 85) e Andone (Joselu, min. 66).

Gol: 0-1 Pedro Mosquera (min. 45+1).

Árbitro: Mateu Lahoz (c. valenciano). Cartón amarelo a Douglas (min. 45), Fernando Navarro (min. 45+4), Arribas (min. 53), Pedro Mosquera (min. 59), Meré (min. 71), Vesga (min. 72), Carles Gil (min. 88), Canella (min. 88) e Luisinho (min. 88).

Incidencias: partido correspondente á 26ª jornada de LaLiga Santander disputado no estadio do Molinón ante 24.307 espectadores, cuns 1.500 afeccionados deportivistas nas bancadas.