O Deportivo vence con xustiza ao Valladolid e reencóntrase coa súa afección
O Deportivo impúxose esta tarde (3-1) ao Valladolid e desta forma colle aire, moral e ánimos para afrontar prácticamente toda a segunda volta da liga. O equipo branquiazul suma o seu segundo triunfo en casa. E fíxoo con xustiza e solvencia.
Antes de que o balón comezase a rodar, a bancada de Riazor vibrou xa no momento no que Valerón saltaba ao céspede desde o vestiario para ocupar a súa posición no banco. O internacional canario, un ídolo do deportivismo, levou unha das grandes ovacións da tarde.
Miguel Anxo Lotina introduciu unha variación de última hora con respecto ao equipo co que traballou toda a semana tanto en Riazor como en Abegondo. De Guzmán ocupou no centro do campo a posición de Sergio, que comezaba o partido no banco. O resto do equipo, o mesmo, co tres centrais, Lopo, Coloccini e Pablo Amo e unha liña de catro por diante, Antonio Tomás, De Guzman, Gardado e Juan Rodríguez, con Xisco como único punta.
No minuto dez, o Dépor puido marcar tras rematar Xisco cruzado e raso e desviar in extremis Sergio Asenjo. O equipo deportivista saíu metido no partido, aínda que o Valladolid tampouco renunciaba a achegarse aos dominios de Fabricio. No lanzamento do saque de esquina chegou o gol do Deportivo, unha circunstancia que non se producía desde o partido do Betis en Riazor na primeira volta, desde finais de setembro. O saque de esquina ao primeiro pau é rematado por Xisco de espuela. Sergio Asenjo salva sobre a mesma raia de gol. Lopo, que regresaba ao equipo tras superar a súa hernia discal, aproveita o rexeite para meter a punteira e empuxar o 1-0. A bancada toleou co equipo mentres Lopo celebrou este gol con todo o banco, nunha piña entre titulares, suplentes e membros do corpo técnico.
Cinco minutos máis tarde puido chegar o segundo gol. De novo nun lanzamento de saque de esquina, Gardado coloca o balón na área pequena e Juan Rodríguez cabecea desviado por pouco. Os laterais funcionaban, Antonio Tomás e De Guzman mandaban no medio do campo, e Xisco facía a vida imposible á zaga castelá. O dianteiro deportivista forzou unha amarela para a meta Sergio Asenjo, que tivo que saír aos seus pés a por un balón e co impulso acabou fose da área co esférico entre as mans. A falta posterior, lanzada por Gardado, foi rexeitada pola defensa valisoletana.
Ao fío da media hora, de novo o Dépor rozou o gol. Nunha boa combinación, Filipe habilita a Gardado na parte esquerda do ataque branquiazul. O seu centro, venenoso a media altura e ao primeiro pau, é despexado ao poste da súa propia portaría por Vivar Dourado. Outro uy!! en Riazor.
A mellor oportunidade para o Valladolid chegou no minuto 36 de partido. Vivar Dourado recolle un balón franco na liña de tres cuartos e dispara raso e duro. Fabricio bloca ben o esférico. A resposta deportivista, un minuto máis tarde. De Guzman envía ao espazo libre a Xisco, quen, moi escorado, remata ás mans de Asenjo. O Dépor cedeu o espazo ao Valladolid, aínda que non pasaba por apuros. É máis, a velocidade de Filipe, Gardado, Manuel Pablo, Juan Rodríguez e Xisco facía que Riazor pensase máis no 2-0 que no empate.
A última do primeiros corenta e cinco minutos foi para o Valladolid. Llorente, libre de marca, cabecea picado un bo centro que lle chegou ao lanzamento dun saque de esquina. Blocó ben Fabricio.
Tras regulamentario descanso chegou o segundo tanto deportivista. Se o Valladolid fixo a pasada semana uno dos goles máis rápidos da historia da liga, hoxe a quenda foi para o Deportivo. Manuel Pablo, case ao sacar de centro, bombea un balón á liña defensiva valisoletana. Gardado, totalmente só, encara a Asenjo. O seu disparo rexéitao como pode a meta do Valladolid. Xisco, moi atento, recolle o balón e a porta baleira fai o segundo gol. O dianteiro deportivista celebrouno coa Pena Riazor Blues.
Mendilíbar reacciona desde o banco visitante. Ogbeche entra no terreo de xogo substituíndo a Sisi. O Deportivo seguiu cedendo o terreo ao Valladolid, aínda que as contras eran sempre perigosas, grazas en parte á velocidade de Andrés Gardado, Filipe pola esquerda; e ao traballo de Juan Rodríguez e Xisco. A defensa de cinco funcionaba e o Valladolid apenas atopaba ocos por onde chegar ata Fabricio.
O Valladolid estivo a piques de recortar distancias. Llorente cabeceou de novo un balón tras un saque de esquina e Ogbeche non chegou por moi pouco no segundo pau. Era o minuto 68 de partido.
Pero o Dépor de hoxe non estaba disposto a sufrir. Tras un lanzamento de saque de esquina, o balón chégalle a Riki, que corre 50 metros e déixalle o balón a Gardado, que bate a pracer a Asenjo. Era o minuto 71 de partido. Pouco despois, a meta valisoletano derruba a Riki fose da área cando o deportivista íase só cara á portaría. Segunda amarela e expulsión. O capitán Óscar Sánchez púxose as luvas, porque o equipo castelán realizara xa o tres cambios.
Lotina, co partido case visto para sentenza, aliouse coa bancada. Decidiu substituír a un gran Gardado, quizais tras realizar o seu mellor partido desde que chegou ao Deportivo, por Valerón. A bancada, posto en pé, ovacionou a un dos seus ídolos que retornaba ao fútbol de competición.
O Valladolid, a pesar de todo, non tirou o partido. Víctor desde fóra da área e tras rexeitar nun defensa, facía o 3-1. Llorente levou de novo o uy a Riazor pero o marcador xa non se movería.
Final feliz en Riazor e o Deportivo que inicia a súa escalada na clasificación.
