RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Eibar-Dépor (0-0) pasará á historia polo debut de Francis

Pepe Mel apostou no Eibar-Dépor por Francis como porteiro titular do equipo, provocando o feito que realmente pasará á historia deste partido. O gardameta nixeriano convértese no porteiro estranxeiro máis novo en xogar un partido de LaLiga (18 anos e 352 días), co que o Dépor aliñou ao máis veterano (Songo'o: 40 anos e 67 días) e ao máis novel. Ademais é o estranxeiro máis novo da historia do Dépor en defender #asnosascores en Primeira (por diante de Valverde e Scaloni) e o segundo porteiro por detrás de Juan Acuña, que debutou con 18 anos e 227 días.

Ademais da inclusión do debutante, Raúl Albentosa tamén se estreou esta temporada no centro da zaga e Florin Andone regresou á titularidade en punta de ataque.

O partido foi de máis a menos en intensidade. O Dépor empezou moi enchufado, movendo rápido o balón e entrando por bandas con centros de Juanfran e Luisinho sen finalización, e conducións polo medio de Fede Cartabia. Andone no minuto 7, no man a man con Dmitrović, atopouse co corpo do gardameta armeiro nunha das mellores ocasións do partido.

A primeira intervención de Francis chegou no 12, rexeitando ben un forte disparo de Kike García. A seguinte ocasión do Eibar foi un disparo alto de Sergi Enrich, como o que Valverde tampouco foi capaz de dirixir en área local.

No minuto 25 Juanfran rematou raso ao pau curto, onde blocou Dmitrović, tras recortar dentro da área e culminar así unha gran xogada de combinación de todo o ataque branquiazul.

Tras o dominio alterno do partido, os dez primeiros minutos para os branquiazuis, os dez seguintes para o Eibar, o partido abriuse converténdose nun intercambio de combinacións por ambos os contendentes pero sen ocasións realmente claras.

Andone no 32 conseguiu tirar tras pelexar un balón coa defensa que acabou disparando alto desde 30 metros.

Tras o descanso o primeiro remate foi obra de Escalante, de cabeza no primeiro minuto, ben atallado por Francis.

A primeira, e case única ocasión do Dépor no segundo tempo chegou no 67 cun tiro alto de Fede Valverde tras un intento de contra por parte dos deportivistas. No 72 tívoa o Eibar cun disparo raso á media volta de Kike que Francis cubriu co seu corpo, e no 80 forzando a súa estirada a tiro de Escalante.

Os cambios apenas cambiaron a fisionomía dun partido no que o marcador reflicte exactamente o que sucedeu sobre o terreo de xogo.

Con este resultado o Dépor suma 4 dos últimos 6 puntos en xogo e mantense unha xornada máis fóra dos postos de descenso antes da conclusión da mesma.

SD Eibar: Dmitrović, Capa, Oliveira, Ramis (Lombán min. 70), Juncà (José Ángel, min. 70), Jordán, Escalante, Dani García, Arbilla, Kike García (Charles, min.85) e Enrich.

RC Deportivo: Francis, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Celso Borges, Guilherme, Fede Cartabia (Bakkali, min. 83), Fede Valverde (Borja Vale min. 75), Çolak (Lucas, min. 87) e Andone.

Árbitro: Jaime Latre (C. Aragonés). Amoestou a Arbilla (min. 38), Dani García (min. 56), Çolak (min. 56) e Borges (Min. 79)

Incidencias: Partido da 8ª xornada de LaLiga Santander disputado en Ipurua ante 5.125 espectadores.