RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Eibar imponse pola mínima (1-0)

O Dépor ABANCA afrontaba o terceiro partido en menos dunha semana co obxectivo da terceira vitoria ante un dos grandes rivais na loita polo ascenso, a SD Eibar. Para iso, Irene Ferreras optou por tres rotacións coa entrada de Lorena Reina, Laura Fernández e Carlota Suárez, en lugar de Monteagudo, Eva Dios e Millene, respecto ao encontro en Abegondo ante o Athletic Club. Ademais dos nomes, cambio de esquema inicial con defensa de tres para tentar sorprender ao Eibar no céspede artificial de Unbe.

O partido empezou tremendamente equilibrado, con máis posesión do Dépor ABANCA no dez primeiros minutos, pero sen lograr pisar área. As aproximacións iniciais a zona de castigo chegaron en xogadas de estratexia do Eibar nos minutos 8 e 10 con senllas faltas colgadas á área. A primeira após bote, a segunda directamente, ambas acabaron nas mans de Lucía.

O Dépor sufriu durante toda a primeira parte para superar a zona de tres cuartos ante unha zaga eibarresa rápida e ao corte de calquera aproximación. En campo contrario, un pase de Andrea entre as centrais no minuto 18, para a carreira de Ane Campos, que permitiu o remate desde a frontal do ariete armeira á saída de Lucía. Unha execución perfectamente cruzada para pór o 1-0 no marcador.

As Nosas seguían sufrindo para chegar arriba mentres que o Eibar facíao con algo máis de comodidade. Á media hora Andrea Álvarez enganchou un dereitazo que fixo lucirse á gardameta branquiazul, que tamén, coa colaboración do traveseiro, evitou que Geraldyne anotase de falta directa.

No minuto 36 o Dépor ABANCA logrou meter o primeiro balón con relativo perigo nun centro colgado de Inés Altamira que atrapou Noelia por arriba. Dous despois chegou o primeiro tiro entre o tres paus, un disparo afastado de Laura após facer un chapeu á defensa, obrigando botar xeonllo a terra á porteira local.

O segundo tempo, con cambios deportivistas na zaga o descanso e reaxuste no 60 na zona alta, non cambiaron a cara ao partido que seguiu dominado polo xogo no centro do campo e a dificultade de pisar área, máis para as visitantes que para as locais.

Á saída dun córner puido facer o segundo o Eibar cun remate sen oposición de que se marchou lixeiramente desviado antes de chocar con Lucía. A única resposta do Dépor chegou no primeiro balón que tocou Eva Dios ao entrar no campo, disparando alto sobre a portería azulgrana.

O Dépor ABANCA non deixou de tentalo até o último momento, cun córner o minuto 94 que en segunda xogada acabou en mans de Noelia, pero finalmente o Eibar quedou cos 3 puntos que lle permiten igualar a puntuación co Dépor ABANCA á conclusión desta xornada.

SD Eibar: Noelia García, Zaira Flores, Carla Andrés, Andrea Sierra, Arene Altonaga (Sheila, min. 90), Ane Campos (Camino, min. 79), Honoka Yonei, Andrea Álvarez (Kenni, min. 70), Geraldyne Saavedra (Jone Ibáñez, min. 90), Noko Matlou e Jujuba.

Dépor ABANCA: Lucía, Lorena Reina, Inés Altamira, Raquel García, Cris (Eva Dios, min. 79), Paula Gutiérrez (Sara Navarro, min. 79), Henar, Ainhoa Marín, Laura Fernández (Letti, min. 84), Charle (Millene, min. 60) e Carlota Suárez (Monteagudo, min. 46).

Goles: 1-0 Ane Campos (min. 18).

Árbitra: González Vargas (c. andaluz). Amoestou a Raquel García (min. 73).

Incidencias: partido da 19ª xornada de Primeira Federación Futfem disputado no Complexo Deportivo de Unbe.