O Fabril rabuñou un punto na súa visita hoxe domingo ao CD Marino de Luanco (1-1), en partido correspondente á 3ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
O filial recuperou a Iano Simão, titular hoxe após o seu paso pola selección de Guinea-Bisáu para un partido de clasificación para a Copa de África, pero perdeu a semana pasada á meta Hugo Ríos, cunha fractura de esternón.
Ademais, dos futbolistas que viaxaron co primeiro equipo a Salamanca, Mella, que se viu obrigado a saír do campo cunha fractura de nariz; e Martín Ochoa, que xogou boa parte da segunda metade no Estadio Reina Sofía, tampouco puideron estar hoxe co Fabril.
Si o fixo Jairo, a pesar de que quentou na banda na segunda metade onte sábado seguindo instrucións de Imanol Idiakez. O futbolista coruñés finalmente non chegou a saltar ao terreo de xogo en Salamanca. Así pois, Jairo durmiu na cidade castelá, viaxou directamente esta mañá en coche até Luanco acompañado polo Director de Scouting do Club, Juanjo Expósito; e foi ademais titular.
Enfronte o Fabril atopouse cun CD Marino de Luanco cos mesmos puntos na clasificación (1 punto) pero que levou unha alegría pola conquista o pasado xoves da Fase Autonómica de Cópaa RFEF após imporse na final ao UD Llanera (0-1). Desta forma, logrou así o seu 7º título nesta competición copeira.
Os asturianos sente fortes no seu campo e teñen experiencia dabondo, posto que figuran dous vellos coñecidos no fútbol español de alta competición como o ex deportista Roberto Canella ou Alberto Lora, un dos clásicos nas aliñacións do Sporting de Gijón hai unhas temporada tanto en Primera como en Segunda División e hoxe no once inicial.
O primeiro tempo foi para o Fabril, que controlou perfectamente o xogo.
Os branquiazuis adiantáronse no marcador no minuto 39 grazas a un gol de penalti transformado por Matías Castillo (na foto da noticia) após unha man na área dun defensor asturiano.
Na segunda parte cambiou a estratexia do CD Marino de Luanco. Os asturianos optaron polo xogo directo e nun centro afastado Miguel Cuesta logrou cabecear á rede lonxe do alcance de Brais Suárez (min. 67).
Cando parecía que tocaba sufrir para polo menos aguantar o marcador, o Fabril volveu facerse coas rendas do choque.
Barba, de tiro cruzado que se foi fóra por pouco; e Diego Gómez, cuxo disparo repeleuno a meta Dennis co pé, tiveron opción de marcar.
Pola súa banda, o Marino unicamente tivo un remate no segundo pau sen consecuencias para a portería fabrilista.
Con este resultado, o Fabril suma 2 puntos, situado na 15ª posición da táboa.
CD Marino de Luanco: Dennis, Borja Álvarez, Aspra, David Grande, Lora, Palomeque (Hugo, min. 89), Guille Pinín, Iván Elena (César García, min. 63), Jandrín (Miguel Cuesta, min. 63), David Iglesias (Abraham, min. 81) e Adolfo (Guaya, min. 63).
Fabril: Brais Suárez, Marc Lachèvre, Puerto, Óscar Marotías, Iano Simão, Brais Val, Rubén (Iñaki, min. 68), Diego Gómez, Jairo (Nájera, min. 87), Mati Castillo (Thymos, min. 81) e Vilán (Barba, min. 68).
Goles: 0-1 Mati Castillo, de penalti (min. 39); 1-1 Miguel Cuesta (min. 67).
Árbitro: David Ruiz Martín (c. cántabro). Cartón amarelo a Diego Gómez (min. 58), Brais Val (min. 61), Marc (min. 82), Nájera (min. 88), Palomeque (min. 42) e Lora (min. 81)
Incidencias: Partido correspondente á 3ª xornada no grupo 1 de Segunda Federación disputado no campo Municipal de Miramar.