RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril estrea 2025 e a segunda volta da liga en Ávila ante un rival directo nos postos altos

O Fabril estrea o ano 2025 mañá domingo 12 de xaneiro ás 17:00 no Estadio Adolfo Suárez ante o Real Ávila CF, un rival na zona alta da clasificación do grupo 1º de Segunda Federación.

O filial, que na última xornada de liga do pasado mes de decembro empatou (1-1) en Torrelavega, é 5º na táboa con 26 puntos a 1 punto do 4º, precisamente o rival de mañá, que ten 27.

En rolda de prensa, Manuel Pablo asegurou que ao equipo sentoulle "ben" o parón do Nadal: "A todo o mundo séntalle ben o descanso. Viñeron bastante ben, concentrados no traballo, tentando seguir na mesma liña que nos fomos, mellorando cosas pero coas mesmas ideas".

Durante o Nadal, o Fabril superou nun amigable (1-2) ao CD Lugo de Primera Federación na localidade lucense de Pol. "Veunos ben para ver como viña a xente, seguir reforzando ideas... É verdade que xogaron 45 minutos case todos porque viñamos de 2 días de adestramento. Serviu sobre todo para reforzar esas ideas, mellorar outros aspectos e traballo condicional", explicou o técnico canario ante os medios de comunicación.

Confirmou así mesmo para mañá as baixas de Aarón, sancionado por acumulación amoestacións; e os lesionados Luisao, Kike Fernández e Noé.

No choque da primeira volta entre ambos os equipos disputado en Abegondo o pasado 1 de setembro venceu o Real Ávila CF (0-1).

No Estadio Adolfo Suárez os casteláns esta temporada gañaron ao CD Guijuelo (1-0), Coruxo FC (3-2), UD Llanera (2-0) e CD Laredo (1-0); empataron coa UP Langreo (0-0) e CD Numancia (0-0); e perderon co UM Escobedo (0-1), Real Valladolid Promesas (2-3) e Pontevedra CF (1-2).

O seu adestrador, Miguel de la Fuente, manifestou en rolda de prensa que "dos filiais para min é o máis completo. É verdade que o Rayo Cantabria ten picos moi bos pero o máis regular para min é o Fabril".

Resalta que o filial deportivista "se soubo adaptar moi ben a ese cambio de adestrador que tivo. Se está aí é por méritos propios e a distancia que nos separa é mínima. É un rival directísimo cuns mecanismos de xogo que nos van a esixir moitísimo".