-Foto: Manu Laya
O Fabril, co título de campión e o ascenso a Primera Federación no peto, venceu (0-1) este domingo 19 de abril en El Helmántico ao Salamanca CF UDS, en partido correspondente á 32ª xornada en Segunda Federación.
Decidiu o encontro un tanto de Héctor Areosa no minuto 28.
Con este resultado, o filial deportivista suma 69 puntos por 55 do segundo clasificado, o Oviedo Vetusta.
Manuel Pablo tivo as baixas por lesión de Damián Canedo, Manu Ferreiro, Jaime Garrido, Pablo Cortés, Hugo Ríos e Aarón, con molestias nun xeonllo; ademais de Bil, que se adestrou co primeiro equipo.
Ante iso, foron titulares Malick e Niang.
O choque arrincou con corredor de honra do Salamanca CF UDS e do trío arbitral ao Fabril como campión de liga.
O técnico fabrilista advertira na rolda de prensa previa que quería un bloque competitivo "por respecto á competición e a nós mesmos".
E o seu vestiario recolleu a luva. Aos 20 segundos a punto estivo de marcar Mane. Salvou a meta local Jonvi.
Pouco despois, Dipanda cabeceou un centro de Mane ao traveseiro da portería salmantina.
O partido era do Fabril, que se adiantou á media hora cun tanto de Héctor Areosa, ao cabo definitivo.
Os charros, que pelexan por coarse no play off de ascenso, apenas creaban perigo.
Na recta final da primeira metade o colexiado do encontro, o estremeño José Antonio Gil Arenas, detivo o encontro ao escoitar berros racistas desde as bancadas do Helmántico.
Após o paso polos vestiarios cambiou a decoración.
O Salamanca CF UDS saíu lanzado a por o empate.
Serrano e logo Cristeto fixeron traballar de xeito abondo a Álex Marqués.
Apertaban os salmantinos e Manuel Pablo move o banco. Vilela, Pablo García e Nájera relevan a Quique Teijo, Malick e Niang.
Os cambios fixeron efecto, o partido equilibrouse e ao Salamanca CF UDS apenas quedaron opcións para rabuñar polo menos un punto.
Aimar protagonizou no desconto a última acción de perigo pero Álex Marqués desbaratou o perigo.
Con 0-1 concluíu o encontro e o Fabril que suma 20 partidos sen coñecer a derrota.
O vindeiro domingo 26 de abril ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) o filial deportivista recibe no campo Arsenio Iglesias ao Real Valladolid Promesas.
Salamanca CF UDS: Jonvi, Parra, Murua, Marotías, Souley (Hugo Parra, min. 78), Lara, Cristeto (Aimar, min. 63), Serrano, Gonpi (Carrasco, min. 63 e Pulpón, min. 74), Javi Delgado (Asier, min. 74) e Servetti
Fabril: Álex Marqués, Quique Teijo (Vilela, min. 58), Quique Teijo, Malick (Pablo García, min. 58), Samu, Mane, Dani Estévez, Niang (Nájera, min. 58), Domínguez (Hugo Torres, min. 83), Noé, Héctor Areosa (Fabi, min. 70) e Dipanda
Árbitro: José Antonio Gil Arenas, do comité estremeño. Amoestou a Murua (min. 42), Javi Delgado (min. 69), Noé (min. 72), Álex Marqués (min. 75) e Lara (min. 77)
Gol: 0-1 Héctor Areosa (min. 28)
Incidencias: partido disputado en El Helmántico nunha tarde asollada
-Foto: Manu Laya
