O lateral fabrilista Iano Simão está concentrado coa selección nacional de Guinea-Bisáu con motivo dun partido clasificatorio para a Copa de África ante Sierra Leona.
O encontro disputarase hoxe luns 11 de setembro ás 18:00 (hora local, 20:00 en Galicia) no Estadio Nacional de Bisáu.
Despois de 5 partidos no seu grupo, Guinea-Bisáu é segunda con 10 puntos, por detrás de Nigeria, que ten 15 e un partido máis após vencer onte domingo a Santo Tome e Príncipe, que pecha a clasificación do grupo A con 1 punto. Sierra Leona ten 5 puntos á espera do choque ante os guineanos.
Iano Simão permanecerá co seu combinado nacional até o martes 12 e, por conseguinte, foi baixa no encontro de onte domingo en Abegondo ante o Rayo Cantabria pertencente á 2ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
España non puido con Portugal nun partido tamén con minutos para o deportivista José Rey
O deportivista José Rey tivo minutos de xogo o pasado sábado 9 de setembro ante Portugal no segundo partido da selección española sub-17 no Torneo Internacional que se disputa na localidade murciana de San Pedro del Pinatar.
O canteirán branquiazul saltou ao campo no minuto 72 en substitución de Diallo e non puido evitar a derrota española (4-1).
O primeiro partido desta competición foi o mércores 6 ante Marrocos. José Rey foi titular nun partido que gañou España (2-1) con dous goles nos últimos minutos. O canteirán branquiazul estrelou un balón no pau nunha das mellores ocasións do combinado español.
José Rey regresará á Coruña o mércores 13 aínda que antes, mañá martes 12, disputará o terceiro e último partido deste torneo, ás 18:00 ante Inglaterra.
O atacante branquiazul, que está no seu primeiro ano de xuvenil, xa xogou o ano pasado coa selección española sub-16, coa que gañou por exemplo no mes de novembro o Torneo Football Federations Cup en Alfaz do Pi.
O calendario dos partidos de España, todos eles no Pinatar Area Stadium, é o seguinte:
Mércores 6 de setembro
ESPAÑA 2 - MARROCOS 1
Sábado 9 de setembro
PORTUGAL 4 - ESPAÑA 1
Martes 12 de setembro
18:00: INGLATERRA - ESPAÑA