RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O programa de Voluntariado do Dépor púxose en marcha coa limpeza da praia do Orzán

A Fundación RC Deportivo puxo en marcha o pasado sábado a súa actividade inaugural co primeiro grupo de voluntarias e voluntarios que se uniron á Fundación e ao Club a través desta forma de colaboración coa sociedade. Medio centenar de persoas, entre voluntariado, futbolistas e técnicos do Dépor Genuine, persoal do RC Deportivo e de We Sustainability reuníronse para levar a cabo unha xornada de limpeza de residuos moi preto de #anosacasa, na praia do Orzán.

Esta acción únese á da temporada pasada, baixo o mesmo lema #WeDépor, na que voluntarios, empregados, xogadores do equipo Genuine e da Nosa Canteira puideron gozar dunha mañá inesquecible contribuíndo ao coidado do medio ambiente coa limpeza de residuos na praia de Caión (A Laracha) grazas á alianza entre a Fundación RC Deportivo e We Sustainability, proxecto co que se seguen desenvolvendo actividades de rexeneración ambiental.

Após finalizar as case dúas horas de actividade na praia do Orzán cunha parte dos máis de 60 voluntarios e voluntarias que xa se adheriron ao programa da Fundación RC Deportivo, futbolistas do Dépor Genuine participaron no taller de deseño da camiseta que producirá a Fundación xunto a Vazva para a súa posterior venda solidaria. A xornada concluíu cun xantar para os participantes fronte á sede de We Sustainability na Coruña.

Se queres participar en todas as actividades e no programa de voluntariado da Fundación RC Deportivo aquí tes toda a información.