RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo implementa intelixencia artificial xunto a Olocip

O RC Deportivo e Olocip alcanzaron un acordo para integrar solucións avanzadas de intelixencia artificial (IA) na súa dirección deportiva.

Con esta colaboración, o club reforza o seu compromiso coa innovación tecnolóxica ao incorporar ferramentas de IA que optimizan a análise de rendemento de xogadores, a identificación de talento e a planificación estratéxica do cadro. 

O RC Deportivo, un dos clubs históricos do fútbol español, dá un paso máis cara á transformación dixital no fútbol, situándose como referente no uso de tecnoloxía para a xestión deportiva. A través da primeira plataforma intelixente de scouting baseada en IA, o club poderá realizar avaliacións obxectivas e detalladas do impacto real dos xogadores no equipo, e contextualizar e estimar o seu rendemento en distintos escenarios futuros.

A colaboración con Olocip, líder na aplicación de IA no fútbol, reforza a toma de decisións estratéxicas do club durante o proceso de fichaxes e análises de xogadores, achegando obxectividade e un enfoque baseado en datos como solución complementaria aos profesionais da entidade. A plataforma, deseñada por Olocip, inclúe máis de 100 ligas e competicións, o que permite ao RC Deportivo acceder a un nivel de análise única no mercado.

Ignacio Lourido, Director de Tecnoloxía do RC Deportivo, opina que "para o Club traballar con Olocip supón un paso importante cara á innovación e a profesionalización da xestión deportiva do Club. Olocip é unha empresa líder no uso de intelixencia artificial (IA) e big data aplicada ao fútbol, o que nos permite incorporar análises avanzadas e modelos predictivos para mellorar as nosas decisións no ámbito deportivo. A alianza con Olocip representa un paso máis dentro do proceso de modernización e dixitalización do Club".

Pola súa banda Esteban Granero, CEO e fundador de Olocip, resalta que "é unha honra colaborar cun club histórico e emblemático como o RC Deportivo. O noso compromiso é proporcionar a tecnoloxía máis avanzada do mercado a través da nosa plataforma de intelixencia artificial, axudando á entidade a tomar decisións máis estratéxicas e baseadas en datos. Este acordo subliña o compromiso do club coa vangarda tecnolóxica e consolida o papel de Olocip como líder na aplicación de IA no fútbol".