RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Real Valladolid Promesas cóase na festa de despedida no campo Arsenio Iglesias do Fabril: 0-1

O Fabril caeu (0-1) este domingo 26 de abril ante o Real Valladolid Promesas o seu último partido, penúltimo, de liga no campo Arsenio Iglesias na súa única derrota desde o pasado mes de novembro.

"Están a competir por salvarse e notouse a diferenza competitiva. O equipo adestrara ben e pensaba que podía competir mellor", apuntou Manuel Pablo na sala de prensa.

Con este resultado, os fabrilistas quedan con 69 puntos por 55 do 2º clasificado, o Oviedo Vetusta.

Foron baixa para o encontro os lesionados Damián Canedo, Manu Ferreiro, Jaime Garrido, Pablo Cortés, Aarón, Hugo Ríos e Quique Teijo, con molestias na musculatura isquiotibilal; ademais de Bil, en dinámica do primeiro equipo.

Con todo iso, foron novidades no once o porteiro Brais, Hugo Torres ou o xuvenil Íker Gil, neste caso por primeira vez.

Pola súa banda, o Real Valladolid Promesas chegaba ao Dépor Training Center en plena loita por evitar o descenso, en 15ª posición con 39 puntos, a 2 do posto de play off de permanencia.

A primeira do partido foi para o pucelano Riki, que encara a Brais e téntalle picar a pelota. O meta coruñés adiviña a intención do valisoletano e logra atallar a pelota.

Respondeu Íker Gil, titular neste partido, pero o seu disparo dentro da área á media volta pega no traveseiro após tocar nun defensa do Promesas.

Pouco despois, primeiro Riki e despois Brian topáronse co capitán do Fabril Brais, sobresaliente durante os 90 minutos.

A última da primeira metade foi para Brian aínda que sen puntaría.

Con empate sen goles chegouse ao descanso. 

"Estivemos mellor, xogando ben pero non acabamos de finalizar as xogadas", resumiu o adestrador do filial.

Após o paso polos vestiarios, "custounos bastante", subliñou o preparador fabrilista.

O Real Valladolid Promesas, consciente de que só lle valía o triunfo, lanzouse a por o partido e comezou a acumular ocasións, na súa maior parte protagonizadas por Brian e Ivorra.

Adiantáronse os valisoletanos no minuto 66. Riki mete en profundidade a Ivorra quen, libre de marca, supera a Brais no man a man.

Manuel Pablo saca a artillaría. Mane e Fabi saltan ao campo por Hugo Torres e Héctor Areosa.

"A base de últimos esforzos tentamos ter situacións de gol pero non estivemos cómodos, con moitas perdas en inicio, en xogo e eles tiveron moitas transicións para facernos dano", admitiu Manuel Pablo. 

O Fabril rozou o empate cunha cabezada de Vilela no minuto 92 que se foi fóra por moi pouco. 

Finalizado o encontro, e a pesar do resultado totalmente intranscendente, o cadro ao completo do Fabril festexou na súa casa, o campo Arsenio Iglesias, o título cultivado. Non faltou o cava e por suposto o trofeo de campión recollido o pasado luns 20 de abril en ABANCA-RIAZOR.

O vindeiro domingo 3 de maio ás 12:00, o filial conclúe esta histórica temporada no Estadio Municipal Adolfo Suárez ante o Real Ávila CF.

Fabril: Brais, Pablo García (Mario Hermo, min. 60), Samuel, Vilela, Hugo Torres (Mane, min. 72), Dani Estévez, Noé (Enrique, min. 60), Nájera, Héctor Areosa (Fabi, min. 72), Íker Gil (Dipanda, min. 60) e Domínguez

Real Valladolid Promesas: De Pablo, Ivorra (Galante, min. 79), Brain, Sergi (César Porras, min. 69), Riki (Sani, min. 69), Murcia, Aranda, Flores, Rulo, Cebri e Galde (Arco, min. 79)

Árbitro: David Ruiz, do comité cántabro. Amoestou a Flores (min. 19), Noé (min. 52), Vilela (min. 63), Mario Hermo (min. 86) e Fabi (min. 90), 

Goles: 0-1 Ivorra (min. 66)

Incidencias: último partido do Fabril no estadio Arsenio Iglesias na presente liga