RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O vestiario ve similitudes entre este partido e o da primeira volta en Irún

Juergen Elitim e Álex Bergantiños pasáronse pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O futbolista colombiano, autor do único tanto deportivista esta tarde (o seu primeiro coa camiseta branquiazul), apunta que o encontro "foi calcado ao que vimos alí na primeira volta. Estivemos ben a nivel ofensivo, xerando moitas ocasións de gol e non concretándoas. Pero así é o fútbol e sabemos como vai isto".

Lembra que "coas nosas armas, co noso plan de partido, fixemos méritos para tentar rascar algo máis en canto a resultado e en canto a puntos. Non foi así, como na ida. Darlle o parabén ao Real Unión".

Elitim queda co ambiente de ABANCA-RIAZOR: "Tanto a nivel individual como colectivo estamos felices de #ANOSAFORZA. Hoxe levántannos, lévannos polo aire e iso sempre se agradece. Hai unha conexión bastante linda e hoxe pódese corroborar. ABANCA-RIAZOR vén sendo importante e vai seguir sendo importante até o final da temporada".

Pola súa banda, Álex Bergantiños tamén ve semellanzas co partido da primeira volta: "Hai días que non saen as cousas. Tivemos unha ocasión moi clara nada máis empezar. Dominamos o partido, tivemos máis opcións que eles. Métennos un tiro de 30 metros, o equipo ségueo tentando. Temos o penalti para empatar e un par de accións claras. E logo nunha transición que defendemos mal cáenos o segundo. Parecido ao partido da ida. En calquera dos dous partidos fomos superiores en canto a ocasións".

Advirte o mediocentro coruñés que o conxunto irundarra "é un bo equipo, o mellor visitante da categoría. Coas súas armas fixérono moi ben tamén. Hai que levantarnos. Hai equipos que se che dan mal e este ano foi a Real Unión. Tentar corrixir o que non fixésemos ben para partidos futuros".

Así mesmo, Álex Bergantiños pide darlle "normalidade tamén á derrota. Non nos gusta, é a nosa primeira aquí en ABANCA-RIAZOR pero nalgún momento podía chegar e hai que asimilala tamén".