110 persoas voluntarias déronse cita o sábado nos montes de Laza para colaborar na plantación de 898 árbores da man de Kappa e Cabreiroá, coa indispensable axuda do Grupo Naturalista Hábitat e a comunidade de montes de Laza (Ourense). Kappa e o RC Deportivo puxeron en marcha a campaña: "Unha camiseta, unha árbore", coa que se adquiriu o compromiso de plantar unha árbore por cada camiseta do modelo Galicia Verde que se vendese a través das DéporTiendas ao longo da temporada invernal.
O grupo, formado por Deportivistas e membros dalgúns dos equipos branquiazuis, como o Fabril FC Alevín, partiu á primeira hora da mañá da DéporTienda do Estadio ABANCA-RIAZOR e, após parada para recoller persoas voluntarias en Santiago, chegou a media mañá ao punto de encontro.
Despois dun cuarto de hora de camiño, os Deportivistas accederon ao momento de reforestación, nunha mañá asollada na que levou a cabo toda a actividade forestal antes de desprazarse até Verín. Alí, na sede da peña Deportivista da localidade ourensá, participaron nunha comida de confraternidade con polbo, empanada, Cabreiroá e Estrella Galicia.
Verín e Laza foron os puntos elixidos para esta actividade por ser zonas azoutadas polos incendios o pasado verán e pola estreita vinculación existente co RC Deportivo, a través da Peña Deportivista de Verín Pablo Amo, unha das agrupacións máis activas e numerosas do Deportivismo, unido ao feito de que Cabreiroá teña alí o seu manancial.
Esta acción de reforestación, impulsada pola Fundación RC Deportivo grazas ao apoio de Kappa e Cabreiroá, permitiu gozar dunha gran xornada familiar, festiva e Deportivista co obxectivo de impulsar o valor da conservación ambiental. Case 900 árbores de especies autóctonas crecen xa nos montes de Laza cun obxectivo tan fundamental como o de producir o osíxeno necesario para os seres vivos que habitamos o Planeta.
Como se anunciou no momento de lanzamento de cada unha das camisetas desta temporada, Galicia Azul, Galicia Atlántica e Galicia Verde, as camisetas do Dépor 2022-2023 están a servir para pór a disposición da sociedade o potente altofalante social do Club e organizar ou colaborar na difusión de campañas de concienciación de coidado e limpeza dos mares, costas e bosques, proxectos cos que o Club colabora a través da súa Fundación para contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas. Neste caso, concretamente ao 15: Vida de ecosistemas terrestres.
Cada camiseta vendida de Galicia Verde é agora unha árbore plantada en Laza.


