RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ola e adeus á Copa na Romareda (2-1)

O Deportivo despediuse da Copa do Rei 2018-2019 á primeira, ao perder en La Romareda ante o Zaragoza nunha segunda eliminatoria a partido único no que os maños se mostraron case infalibles de cara a portería.

Os aragoneses dominaron a primeira metade, na que se adiantaron no marcador e abriron brecha ao comezo da segunda metade malia que o Dépor dera un paso adiante tralo paso polos vestiarios. O tempo complementario tivo un único dono nun Dépor que recortou distancias pronto pero que a pesar do seu dominio non atopou o empate, que puido chegar nun lanzamento de Krohn-Dehli que repeleu o poste a dez minutos da conclusión.

Natxo González, preparador deportivista, realizou numerosas rotacións no once deportivista. Con respecto á última xornada ligueira, só repetiu titularidade Krohn-Dehli. Carles Gil e Fede Cartabia, que recentemente recuperados de senllas lesións participaron nos últimos minutos da vitoria ante o Sporting de Gijón, saíron de inicio. O fabrilista Víctor García, autor dos dous únicos goles que o filial marcou nas tres primeiras xornadas ligueiras, tivo a oportunidade de debutar co primeiro equipo.

No primeiro disparo a porta de todo o partido, cando o cronómetro sinalaba o minuto 6, o Zaragoza adiantouse no marcador. Giorgi Papunashvili enganchou un potente dereitazo desde a frontal da área ante o que nada puido facer Ortolá.

Recentemente superado o cuarto de hora de xogo, o debutante Víctor sacou da súa bota dereita o primeiro disparo do Dépor. O lanzamento do dianteiro valenciano marchouse moi alto.

Á media hora, Oliver Buff cazou un rexeite á saída dun córner. O seu remate co pé dereito, con todo, saíu mordido e foise pola liña de fondo. Polo mesmo lugar tamén se perdeu unha cabezada, segundos despois, de Jorge Pombo.

No minuto 36, Papunashvili buscou sorprender novamente a Ortolá, aínda que desde un pouco máis lonxe que no gol. Nesta ocasión, o lanzamento do xeorxiano foise excesivamente alto.

Coa vitoria pola mínima do cadro local chegouse ao descanso, tralo cal saltaron ao terreo de xogo os mesmos 22 protagonistas.

O Dépor deu un paso adiante e frecuentou a área zaragocista no arranque do segundo tempo, case sempre con Fede Cartabia como protagonista. A acción máis clara foi nunha cabezada que o arxentino non puido precisar debido á carga dun defensa maño.

Con todo, novamente o Zaragoza aproveitou a súa primeira ocasión para abrir brecha. Pombo cabeceou ao fondo das mallas, collendo a contrapé a Ortolá, un preciso centro de Buff desde a esquerda, no minuto 50.

Non agachou a cabeza o conxunto branquiazul, hoxe de vermello. Dubarbier respondeu rápido cun dereitazo raso que atallou Ratón. Acto seguido, o Dépor recortou distancias por medio de Fede Cartabia, que definiu no man a man ante o meta local, ante o que se plantou só grazas a un pase en profundidade de Edu Expósito. Corría o minuto 53.

Cinco minutos despois, os coruñeses acariñaron o empate após unha gran acción colectiva na que Carles Gil non puido disparar a porta cando entraba na área. Con todo, o balón quedou morto a pés de Víctor, que se perfilou para golpear co interior do seu pé dereito buscando a escuadra contraria. O tiro do dianteiro fabrilista marchouse moi preto da cruceta.

Por entón, o Deportivo xa acrecentara o seu dominio, até case monopolizar a posesión, ante un Zaragoza que deu un paso atrás para protexer a súa vantaxe.

Após roldar en numerosas ocasións a portería zaragocista, aínda que sen chegar a rematar, no minuto 79 foi Krohn-Dehli quen estivo preto do empate. O danés sacouse un remate cruzado desde dentro da área que se topou co poste dereito da portería de Ratón.

Malia súa clara superioridade na segunda metade e malia buscalo con afán nos minutos finais, os branquiazuis non atoparon o camiño do gol que forzase a prórroga.

Real Zaragoza: Ratón, Delmás, Perone, Álex Muñoz, Nieto, Buff, Javi Ros, Igbekeme, Aguirre (Pep Biel, min. 86), Pombo (Álvaro Vázquez, min. 67) e Papunashvili (Soro, min. 72).

RC Deportivo: Ortolá, Gerard, Bóveda, Somma, Dubarbier, Edu Expósito (Didier Moreno, min. 77), Pedro Mosquera, Krohn-Dehli, Carles Gil (Pedro, min. 85), Fede Cartabia e Víctor (Carlos Fernández, min. 64).

Goles: 1-0 Papunashvili (min. 6); 2-0 Pombo (min. 50); 2-1 Fede Cartabia (min. 53).

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Carles Gil (min. 56), Fede Cartabia (min. 70), Somma (min. 82) e Gerard (min. 88).

Incidencias: partido correspondente á 2ª eliminatoria da Copa do Rei no Estadio de La Romareda ante 18.400 espectadores.