Os últimos reforzos do Dépor desatan a paixón de case 4.000 afeccionados
Uns 4.000 afeccionados vibraron onte á noite en Riazor cos últimos sete reforzos chegados ao Deportivo neste mercado de verán, do total de 11 que se incorporaron á disciplina branquiazul.
Ás 20.35, Cani, Sidnei, Faiçal, Juanfran, Cartabia, Luís Alberto e Pedro Mosquera fixeron unha espectacular entrada en Riazor nun dos vehículos oficiais do Club, conducido polo propio Mosquera e patrocinado por Louzao, concesionario oficial Mercedes – Benz na Coruña e un dos spónsores oficiais do Real Club Deportivo.
Tras pasar polo vestiario deportivista para porse o traxe de faena, un a un os futbolistas foron saltando ao céspede presentados acirrados polos afeccionados, que corearon cada unha das filigranas co balón dos seus xa novos ídolos.
Os futbolistas divertíronse asinando e lanzando balóns á bancada, ademais de pousar para dúas 'selfies' con Sidnei como fotógrafo, instantáneas que xa se poden ver nas nosas redes sociais.
Unhas breves palabras de Juanfran á inchada e a tradicional firma de autógrafos na banda de Riazor puxo o punto e final a un emotivo acto que demostra a comuñón existente xa entre equipo e afección.
Os deportivistas puideron ademais observar a espectacularidade dos novos marcadores de Riazor, co anuncio de sumar "á nosa paixón". As novas pantallas son algunhas das novidades que presenta Riazor nesta tempada que arrincará o próximo 22 de agosto ante a Real Sociedade.