RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano ten "máximo respecto" á Copa porque "somos un Club que temos que honrala, como honramos cada un dos partidos que disputamos”

Óscar Cano manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que a esta 1ª eliminatoria de Copa del Rey mañá sábado 12 de novembro en Guijuelo (17:00, TVG-2) "para min é unha oportunidade de volver competir, de xerar dinámica e condutas que teñen que ver con competir da mellor maneira posible. Iso en primeiro lugar. En segundo lugar é unha competición híper respectable que pode provocar que os xogadores que veñen xogando sigan expresándose; os que entran novos teñan a oportunidade de dicir 'aquí estamos e sabemos facelo ben tamén'. E tamén é unha posibilidade máis de xogar, que é onde realmente os adestradores valoramos e vemos como están os equipos, é dicir, competindo é como se ve realmente cal é o estado dun equipo. Por tanto máximo respecto á competición, porque nós somos un Club que temos que honrala, como honramos cada un dos partidos que disputamos".

Preguntado polos representantes de #ANOSACANTEIRA nesta convocatoria, despois de dicir en anteriores ocasións que Dani Barcia "ten música nos pés", opina de Ángel Puerto que "mete a cabeza nun avispero, é dicir, é un xogador mega competitivo, valente, moi intenso en todo o que ten que ver nos duelos, nas disputas. É un mozo moi atento a todo o que sucede ao redor del. Brais Val é un xogador que, ben rodeado, pode ser un xogador interesante no sentido de que se sabe situar, sempre está no espazo oportuno cando o equipo perde a pelota, sempre sabes que vai ocupar un espazo interesante para non sufrir a seguinte transición. Debe mellorar todo o relativo á circulación de balón. Cando a pelota pasa por el, debe saír un pouco mellor dos seus pés. Ademais é un soldado porque é moi solidario cos demais. Nájera é un mozo que ten facilidade e determinación para ir á área, para ocupar espazos, para penetrar e agora mesmo está nun bo momento. Por tanto eu creo que é o lugar, a data oportuna para que poidan vir e achegar todo o que poidan achegarnos".

Manifestou o técnico deportivista que mañá mesmo decidirá se xoga Edu Sousa ou Pablo Brea na portería pero si confirmou que outro canteirán pero xa con ficha do primeiro equipo desde principios de temporada, Yeremay, será titular: "É un mozo moi introvertido, entón é difícil ter acceso a el. Nós achegámonos, falámoslle, chanceámoslle, abrazámolo, tirámoslle das orellas.... Estamos moi pendentes del porque consideramos que é un xogador cun talento diferencial. O que ten Yeremay non é usual no mundo do fútbol, pero ten que atopar tamén o seu momento, a súa regularidade e non falo de regularidade con que xogue 5 partidos, senón que sexa regular no traballo. El mesmo dixo hai pouco unha frase que me encantou e que o pon nun camiño bastante interesante, que é que 'se vai a centrar máis que en facer as cousas para xogar, en facer as cousas para mellorar'; porque posiblemente iso sexa o que ao final lle acabe dando os minutos que un talento dese tipo merece. Eu estou moi contento con el. É un mozo novo, é un mozo distinto, pero atópase tamén coa dificultade que se atopan todos, non só el, senón Kuki que vén de Segunda División, Víctor Narro, que estivo aí a piques de ligar un contrato en Primeira División co Valladolid... Aquí non hai ningún xogador que teñamos collo, non hai ningún xogador que non teña nivel. E encima Mario está nun bo momento, é o máximo goleador do equipo, xera moitas situacións de desequilibrio; Quiles é por antonomasia o gol do equipo... Non é fácil entrar".

Do CD Guijuelo, Óscar Cano destaca que "é un equipo que se anima a xogar desde atrás, que cando ven que se lle presiona alto tamén ten a alternativa de xogo directo con Montero, un dianteiro que xa xogou en Primeira RFEF o ano pasado no DUX. Montero pode activar a todas esas medias puntas, entre as que destaca Toti, que é un mozo que eu xa adestrei no Salamanca, con moita calidade. É un mediapunta, xogador de banda, que pisa moito os espazos interiores, con moita calidade, cunha boa visión de último pase".

Ve ao CD Guijuelo como "un equipo completo, dentro de que evidentemente estamos a falar doutra categoría. E na súa casa faise fortísimo. Non sei exactamente os goles que leva encaixados, pero quitando estes 3 que lle endosa o Zamora na última xornada, non se se levan 1 un gol encaixado en toda a liga. É moi forte tamén a pelota parada. Por tanto, é un equipo que ten alternativas para saír desde atrás. Tanto o xogo combinativo como o xogo directo, do que se fai moi poderoso Montero, o seu atacante; e tamén un bo balón parado. É un equipo moi completo, que auguramos todos que vai estar na parte alta e vai ser un dos equipos que poida gozar desa posibilidade de ascenso a Primeira RFEF".

Finalmente, sobre Ibai Gómez, que se despediu o pasado mércores do RC Deportivo, Óscar Cano indicou que "me atopei un Ibai híper profesional. Non lembraba un profesional da súa talla. Fagamos un exercicio de empatía para ver que é un mozo que as viviu de todas as cores na elite, que vén aquí, que é unha categoría na que el non participara, senón que pertencía a outro mundo moito máis elitista. Vén aquí, atópase cunha condición que non esperaba, que é non xogar habitualmente. É verdade que o rendemento de Quiles; de Mario durante a temporada, non só desde que eu estou aquí; de Víctor Narro; de Kuki, que cada vez que sae faio ben, impedíalle xogar todo o que el quería e a min non me puxo nunca nin unha mala cara, nin pediu explicacións nin nada. Por propia iniciativa considera que non ía xogar todo aquilo que quería, pero si podo dicir que non o vin desilusionado en ningunha das sesións que desde que estou aquí realizou. É un tipo grandísimo de verdade, un rapaz que merece moito a pena desde o punto de vista humano, máis aló de que futbolísticamente xa coñecemos como foi o seu percorrido".