RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Óscar Cano traza en ABANCA-RIAZOR o plan de partido para Linares cun exercicio 11 contra 11 en espazo amplo

Se onte mércores o Dépor completou en Abegondo a sesión máis esixente da semana desde o punto de vista físico, esta mañá, en ABANCA-RIAZOR e a porta pechada, ensaiou o plan de partido de cara á próxima cita no grupo 1º de Primera Federación, o domingo 14 de maio ás 12:00 (InSports.tv) no Estadio de Linarejos ante o Linares Deportivo.

Un quecemento con rondos e unha tarefa de transicións completaron o traballo sobre o céspede.

En rolda de prensa, Diego Villares achegou algunhas das claves do partido ante un conxunto andaluz moi forte no seu campo. Así o centrocampista chairego espera un rival "que nos deixe esa xente de arriba descolgada coa que teremos que estar moi pendentes nas vixilancias".

Tamén pide en Linares "finalizar xogadas se non queremos que nos contraataquen e nos fagan dano".

Están con adestramento personalizado Quiles e Antoñito. O dianteiro andaluz xa traballou sobre o céspede cunha máscara protectora que onte recibiu da firma Podoactiva.

Con esa protección si se adestrou Lucas Pérez co grupo despois de ser operado o pasado luns no Hospital Quirón Salud A Coruña.

Villares apuntou na súa rolda de prensa que "eles están moi ben. Ao final é o máis importante. Xa vistes o guapos que están coas súas máscaras. Que se recuperen canto antes e o mellor que poidan para axudarnos neste tramo final".

Dani Barcia, Brais Val e Diego Gómez foron os representantes de #ANOSACANTEIRA esta mañá.

Mañá venres, o Dépor regresa a Abegondo ás 10:30, con almorzo previo para os futbolistas a partir das 9:00 horas.