RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz baixou hoxe o ritmo a un Dépor "con moitas ganas de facer un bo partido nun bo escenario"

Óscar Gilsanz baixou hoxe o ritmo de adestramento no céspede no campo 3 de Abegondo a un Dépor "con moitas ganas de facer un bo partido nun bo escenario", en referencia á visita ao Real Racing Club prevista para este domingo 27 de abril ás 16:15 en El Sardinero (LaLiga TV Hypermotion).

No entanto, o técnico desvela que o traballo do xogador branquiazul cada día "non empeza cando se anuncian os horarios dos adestramentos. Empezamos ás 11:00 pero os xogadores están aquí ás 8:30 ou 8:45 da mañá. Fan un plan específico. Hai momentos nos que se lle quita traballo porque pode ser prexudicial ou non. Despois do adestramento fan un traballo compensatorio... O corpo técnico todas as mañás ten unha reunión cos Servizos Médicos para saber en que estado está cada futbolista. Isto é un quebracabezas que se vai desfacendo e volvendo facer cada día".

Como é habitual dous días antes de cada partido, o técnico dispuxo unha activación con rondos, un exercicio táctico e unha tarefa de finalizacións nunha semana "de moito traballo".

Adestráronse á marxe do grupo Dani Barcia, Gauto, Ximo Navarro e David Mella; mentres que Mardones e o meta xuvenil Álex foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Preguntado por Mella, o preparador deportivista apunta que "é unha lesión pequena pero hai que respectar uns prazos. Imos ver a súa evolución. Non é unha lesión moi profunda pero imos ser cautos e non adiantarnos aos prazos dos Servizos Médicos".

Mañá sábado Os Nosos realizarán unha última sesión en Abegondo ás 10:00. Ao concluír, os convocados partirán de viaxe por estrada a Santander.