RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Outra remonta branquiazul a domicilio para poñerse a tiro do playoff (1-2)

O Deportivo remontou de novo un partido lonxe de ABANCA-RIAZOR, esta vez no complicado campo de Espiñedo, onde o CD Arenteiro só perdera 1 dos seus 8 partidos anteriores, resultado que sitúa aos branquiazuis a tiro de pedra das posicións de fase de ascenso a Segunda División.

Imanol Idiakez, adestrador deportivista, realizou un só cambio con respecto ao once presentado na pasada xornada en ABANCA-RIAZOR fronte ao Sestao River Club. Pablo Martínez regresou ao equipo titular despois de cumprir sanción por acumulación de amoestacións, en detrimento de Dani Barcia.

Os branquiazuis, que volvían xogar oficialmente en Espiñedo 35 anos despois da súa visita na primeira eliminatoria da Copa del Rey 1988-89, saíron con ganas e gozaron de dúas claras oportunidades no primeiros dez minutos. No minuto 6, Jose Ángel enganchou un zurdazo que se foi rozando o pau após unha falta colgada por Lucas que Pablo Vázquez cabeceou no segundo pau cara atrás. No minuto 10, Lucas realizou un cambio de orientación para Yeremay, que quedou un contra un con Jordan. Após regatear ao seu par, o zurdazo do canario foise á dereita da portería local.

O primeiro disparo local produciuse no minuto 12, cun lanzamento raso afastado de Jordan que blocou Germán con seguridade.

Co encontro equilibrado, recentemente superada a media hora de xogo adiantouse o equipo local. Pibe cortou a saída de balón de Pablo Martínez e atopou só a Miku na media lúa. O ex deportivista bateu a Germán con duro dereitazo por alto. O Dépor pasou despois polos seus peores momentos e no minuto 41, unha falta lateral de Pibe que pechou en busca dun lixeiro desvío, despexouna de puños Germán.

A segunda metade arrancou sen cambios e sen novidades no desenvolvemento do xogo, aínda que se fixo notar un paso adiante por parte do Dépor. Os branquiazuis desatascaron un partido outra vez a balón parado. No minuto 57, Lucas colgou con moito veleno unha falta lateral desde a dereita do ataque deportivista á que Pablo Vázquez non chegou por milímetros pero que Davo, un par de metros por detrás do central, cabeceou ao fondo das mallas.

O CD Arenteiro acusou o gol e o Dépor veuse arriba. O conxunto coruñés acumulou tres oportunidades claras recentemente superada a hora de xogo. Primeiro, Yeremay gañou a carreira a Jordan nun balón en profundidade de Davo e disparou case sen ángulo pero Diego García rexeitou a córner. Á saída do mesmo, Jose Ángel bateu con violencia no segundo pau e de novo o porteiro local desviou a saque de esquina nunha gran intervención. No segundo córner consecutivo, após varios rexeites o balón acabou dentro da área a pés de Pablo Vázquez cuxa volea foise rozando o pau dereito da meta ourensá con Diego García facendo a estatua.

Idiakez deu entrada a David Mella por Salva Sevilla no minuto 67, atrasando a posición de Diego Villares ao dobre pivote xunto a Jose Ángel. Tres minutos despois, Yeremay internouse pola esquerda e recortou de tacón cara a súa dereita pero disparou frouxo a mans do porteiro local.

A un cuarto de hora da conclusión, avisou o CD Arenteiro a balón parado, nun libre directo de Pibe con bote previo que Germán sacou a córner. Só tres minutos despois, chegou o tanto da vitoria coruñesa. Mella foise en velocidade pola dereita, o canteirán recortou cara a dentro e buscou o gol cun potente zurdazo que Diego García rexeitou como puido. O coiro quedou botando a pés de Davo que, pleno de sangue frío, amagou un disparo forte pero superou ao porteiro local cun sutil toque de vaselina. Deste xeito, o asturiano destácase como máximo goleador deportivista no presente campionato, con 4 dianas.

No minuto 82, Mella foise de novo pola dereita e sacou outro zurdazo que Diego García detivo esta vez en dous tempos. No minuto 86, Lucas viu como a madeira negáballe unha vez máis o gol nun fantástico libre directo que repeleu o traveseiro ante a mirada atónita do porteiro ourensán. Xa en tempo engadido, Davo combinou con Mella, o canteirán devolveulle o coiro á frontal da área e desde alí empalmou un zurdazo que detivo o gardameta local en dous tempos.

A pesar dos intentos desesperados do CD Arenteiro nos 6 minutos de tempo engadido, só un balón bombeado que cabeceou Miku de raspallón e desviou Germán a saque de esquina puxo en verdadeiros aprietos aos branquiazuis, que conservaron a súa vantaxe até o asubío final.

O Dépor pecha deste xeito o ano 2023 coa súa sexta vitoria en 17 xornadas, e cun total de 26 puntos, a só 3 dos postos de playoff de ascenso. Igualmente, os branquiazuis elevan a súa xeira sen coñecer a derrota a 6 xornadas, con 3 vitorias e 3 empates, ou o que é o mesmo, sumando 12 dos últimos 18 puntos en xogo.

CD Arenteiro: Diego García, Jordan (Pol Bueso, min. 74), Javi Moreno, Ger Nóvoa, Álvaro Ramón, Pibe, Vitra (Romay, min. 81), Esquerdo, Tiago (Manín, min. 65), Chacón e Miku.

RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Salva Sevilla (Mella, min. 67), Davo, Lucas e Yeremay (Jaime, min. 89).

Goles: 1-0 Miku (min. 32); 1-1 Davo (min. 57); 1-2 Davo (min. 78).

Árbitro: Pedro Eugenio Muñoz Piedra (c. madrileño). Cartón amarelo a Yeremay (min. 40), Álvaro Ramón (min. 42), Lucas (min. 73), Mella (min. 74), Pol Bueso (min. 84), Pibe (min. 90+4) e ao adestrador deportivista Imanol Idiakez (min. 90+5).

Incidencias: partido correspondente á 17ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no campo de Espiñedo (O Carballiño).

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK