RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Martínez e Víctor Narro entran na convocatoria para viaxar mañá sábado a Mérida

Os 733 quilómetros que separan por estrada A Coruña de Mérida e a data do partido ante o AD Mérida correspondente á 3ª xornada do grupo 1º de Primeira Federación no Estadio Romano 'José Fouto', fixado o pasado luns 5 para este domingo 11 de setembro ás 12:00 horas (InSports.tv) en lugar da as 21:30 do sábado 10 como inicialmente estaba previsto pola Federación Española de Fútbol, obrigou ao corpo técnico a reprogramar os últimos días previos de traballo do primeiro equipo masculino do RC Deportivo. 

Esta tarde, o Dépor adestrouse en ABANCA-RIAZOR a porta pechada, na última sesión na Coruña posto que mañá sábado farao ás 12:15 xa en ruta, concretamente no Anexo ao Estadio Ruta da Prata en Zamora. O autocar de Os Nosos partirá de Abegondo ás 08:00 horas. 

A estratéxica localización da cidade castelá, de camiño entre o norte (cos equipos galegos principalmente) e o sur (cos andaluces), a recado que a converterá esta temporada en punto de parada e adestramento, como xa lle ocorreu a pasada semana á Balompédica Linense camiño de ABANCA-RIAZOR desde a localidade gaditana da Línea de la Concepción.

Para o partido en Mérida, Borja Jiménez pode contar con Víctor Narro, que se torceu o nocello a principios de semana e estivo á marxe do grupo até esta mesma tarde, na que traballou con normalidade.

Así mesmo, estréase nunha convocatoria Pablo Martínez, quen de todos os xeitos na súa presentación oficial esta mesma semana aseguraba que aínda lle faltaba ritmo para entrar no once inicial.

Queda fóra de maneira obrigatoria dos 22 elixidos Borja Granero, cunha molestia nun aductor, pendente de avaliación médica nos próximos días.

Un xogo de posición, un partido e un ensaio de accións a balón parado foron as tarefas principais desta tarde en ABANCA-RIAZOR.