RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Pablo Martínez non cre que o domingo sexa unha final porque "se gañamos non subimos e se perdemos tampouco quedamos aquí"

Pablo Martínez manifestou que o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do pasado mes de febreiro concedido ao francés "todo o mundo merece. Neste momento máis a defensa, porque facemos un traballo de tolos. O meu porteiro (Ian Mackay), creo que o merecía tamén. Estou moi contento porque non estou afeito recibir premios. É o primeiro. Oxalá que haxa máis".

Admite iso si que o maior premio sería lograr os 3 puntos este domingo 12 de febreiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2, InSports.tv) contra o Real Madrid Castilla: "Quero gañar sempre, todos os partidos. Quero subir este ano, entón pasa por gañar os partidos as fins de semana".

Ve o fútbol como "un traballo de equipo. Non me gusta cando sae soamente un xogador. O que facemos facémolo xuntos. Se Lucas marca goles é grazas a todos, e se nós defendemos ben é grazas tamén a todo o mundo. Non me gustan os premios persoais. Por iso quero compartilo cos meus compañeiros porque o merecen pode ser máis que eu. Agora tócame a min, estou moi contento, pero Mackay tamén o merece porque hai tempo que non encaixa gol e toda a defensa, falo de todo o equipo, porque defende moi ben neste momento".

O defensor deportivista advirte que non só o do domingo, senón "todos os partidos que quedan son importantes. Non hai partido máis importante que outro. Son 3 puntos cada vez. Xoguemos contra o Real Madrid Castilla ou con outro equipo será o mesmo. Se gañamos temos 3 puntos e nada máis".

Apunta que o do filial branco, nun ABANCA-RIAZOR cunha gran entrada de público, é un partido que "todo o mundo quere xogar. Eu comprei onte rápido 3 entradas porque vén a miña familia. Mellor cando hai moita afección porque nos apoia e nós cando estamos diante de #ANOSAFORZA queremos facer máis. Todos están a gritar e cambia un partido. Esta fin de semana tócanos un bo partido, pero non hai que xogar antes do domingo. O partido é o domingo ás 19:00 e hai que estar listo nese momento".

Recalca que "non podemos xogar da mesma maneira en ABANCA-RIAZOR e fóra. Non é o mesmo campo, o céspede non é o mesmo... Tentamos xogar como sempre, pero non saen as cousas porque co campo fóra non se pode xogar como ABANCA-RIAZOR. Hai que cambiar un pouco o xogo. O máis importante é non encaixar gol. Coa liña ofensiva que temos podemos ter unha ocasión en cada momento do partido e é o que estamos a tentar facer".

Sobre o liderado, Pablo Martínez insiste que "quedan 12 partidos. É importante ser o primeiro o último partido. Se podemos estar antes primeiro farémolo, porque se o merecemos estaremos aí. Pero o máis importante é que na última xornada esteamos primeiro e que subamos directamente".

Nesta liña, pensa que o domingo non é unha final porque despois "quedan 11 partidos, 33 puntos. Se gañamos este finde non subimos e se perdemos tampouco quedamos aquí. Non hai que dar máis importancia porque se ganas, despois te vas a relaxar, o que non temos que facer. Sabemos que é un partido importante porque pode dar máis confianza e máis puntos sobre o Real Madrid, pero quedan 11 partidos e 11 guerras".

Indica que "imos xogar contra todos. Queda Racing de Ferrol, Córdoba CF, RC Celta B... quedan moitos partidos, non se xoga a liga agora. É importante gañar como cada partido. Pero quedan 11 despois deste, moitísimos puntos. Eu estaba nesa situación hai pouco en Francia. Estabamos a mirar os equipos, os resultados e ir a mente, estás a mirar os outros e non te miras a ti mesmo. Se nós gañamos, ninguén nos vai a coller. Hai que confiar en nós e mirar a nós só".

Promete o futbolista hispano-francés esta fin de semana "tentar facer o traballo e como cada partido imos tentar gañar. Eu non entro nun campo dicíndome que vou perder o partido. Se non, non saio. Imos traballar esta semana con todos, a ver que podemos facer contra este equipo e a xogar o domingo".

Finalmente, comprende as críticas polos partidos lonxe da Coruña "porque somos o Dépor. Temos que gañar todos os partidos, pero o fútbol é así. Se sempre os equipos grandes gañasen a todos, o fútbol non existiría. A xente vén ao estadio para ver a equipos pequenos gañar aos grandes. Somos o Dépor e todo o mundo quérenos gañar. Entón, cando xogas fóra de ABANCA-RIAZOR, non é partido fácil e hai que dalo todo para gañar".