O Presidente Paco Zas compareceu esta tarde na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR para responder a todas as preguntas dos medios de comunicación.
Referiuse en primeiro lugar a Juan Antonio Anquela: "Para min, para o Consello sería totalmente inxusto tomar unha decisión sobre el porque traballou nunhas condicións que non son as óptimas, que non son normais coas que un adestrador debe traballar. Fixo unha pretemporada con moito xogadores do filial, que non ían pertencer ao cadro do Deportivo. Son condicións non desexables".
Subliña que o equipo chegou ao partido de Huesca (2ª xornada de LaLiga SmartBank) "sen 5 fichaxes que fixemos 10 días despois. O que indica o corto que era o cadro. O día do Huesca cáensenos Somma e Peru. Temos que prescindir por motivos humanitarios de Pedro Sánchez. Na defensa non tes recambios, o traballo diario non pode ser bo nestas circunstancias. Nunca até agora puido contar con todos os efectivos. Todos vimos partidos malos, malos na primeira parte e curiosamente o equipo remontou 3 veces resultados. Significa que é un cadro que ten personalidade e do que esperamos moito máis".
Iso si, advirte que "se perdemos 10 partidos seguidos, loxicamente tes que tomar medidas non desexables. Falar do que pode pasar a curto prazo cando para min, para o Consello hai a confianza total, a seguridade de que vai mellorar. Todo parte, incluído o posto de Anquela, de que os xogadores dean máis do que están a dar. Non teñen a confianza agora mesmo que deberían ter para xogar como eles saben".
Con respecto ao director deportivo, Carmelo del Pozo, indicou que "estiven observando o seu traballo, analizando o seu traballo durante todo este tempo. É unha persoa honesta, moi traballadora, que deu a cara polo Deportivo, mesmo diría que a deu de máis porque quizais desde o Club habémosnos equivacado nesa sobreexposición que tivo Carmelo durante a pretemporada. Quizais lle levou á situación que ten agora".
Subliña que "todas as determinacións que tomou Carmelo del Pozo deportivamente referendounas o Consello porque o que asina son eu, o que aproba é o Consello. Non se lle pode botar a el a culpa de todo". "Analizar o traballo de Carmelo, os resultados, a estas alturas, non me parece xusto", engade.
Por conseguinte, "teño plena confianza nel, no seu traballo. Véxoo traballar todos os días. É unha persoa que como director deportivo que é, está a controlar ao equipo desde primeira hora da mañá até última hora da noite. E eu vin en que circunstancias traballou durante o verán. Fomos os últimos en entrar ao mercado. Dependiamos absolutamente das saídas. Había 4 xogadores que nos consumían a metade do límite salarial. E Carmelo pasouse o verán convencendo a xogadores que nos esperasen até liberar esa masa salarial. Algúns non puideron esperar. A maioría si e están aquí connosco".
Comprende que baixe nos descansos ao vestiario. É máis, "para min un director deportivo que non fale cos xogadores, co corpo técnico... Eu vexo aquí a directores deportivos que están no palco e todos os partidos baixan ao vestiario no descanso. Outra cousa é que interfiran no labor do adestrador. Iso é unha cuestión moi grave e que estou seguro que Anquela denunciaría. Anquela aclarou convenientemente que Carmelo se comporta con todo o respecto no vestiario cara a el".
Sobre os xogadores, Paco Zas observa que "agora mesmo están a xogar cunha falta de confianza en si mesmo total. E eles sábeno tamén. Aínda que sexamos o 6º en tope salarial, é un posto que non se corresponde coa realidade. Ten que ser un posto superior porque a maioría dos xogadores que están aquí, os que viñeron renunciaron a ofertas mellores que a nosa economicamente e fixeron unha aposta polo Deportivo. Mesmo algúns dos que estaban tiveron ofertas para irse e quedáronse".
Nesta liña, cre que "aos xogadores hai que esixirlles o que debemos esixirlles, sabendo que teñen que dar moitísimo máis do que están a dar e iso parte de que eles teñan a confianza de que poden dar máis. E vano a dar porque son mellores do que están a ofrecer até agora".
Destacou o comportamento de Pedro Mosquera, que "se portou como un cabaleiro co Deportivo" e tamén deu a súa opinión o Presidente sobre a saída de Diego Caballo: "A posibilidade de que viñese ao equipo Salva Ruiz facía que Caballo tivese que saír. Tentamos que el continuase sendo parte do Deportivo".
Lembra que varios xogadores da canteira "xa debutaron esta temporada. O Deportivo ten hoxe en día 22 fichas profesionais para que en momentos determinados, o adestrador poida facer uso da canteira. No Fabril actual, todos teñen a posibilidade de xogar no Deportivo e volver outra vez ao Fabril. Facía tempo que non sucedía iso. Temos un Fabril moi novo, con certas posibilidades de estar no Deportivo. Ténselles en conta".
Aclarou a organigrama de #ANOSACANTEIRA, que "o dirixe Carmelo del Pozo. Está logo Anxo Becerra. Albert Gil dirixe a área de xuvenís e cadetes; e Javi Álvarez as categorías inferiores. Non hai un director de canteira. Albert Gil antes era director de toda a canteira e parecíanos que era un traballo excesivo que controlar".
Finalmente, pediu "ser conscientes da realidade accionarial que vive o Deportivo. Hai varios grandes accionistas, hai outro grupo de medianos accionistas e miles de accionistas que ten 100, 50, 16... Todos contan. E todos co número de accións que teñen. Non lembro exactamente pero na Asemblea a nosa candidatura obtivo 35.000 votos, ou 34.000. Dubido que todas sexan de Tino Fernández. Por suposto que ten un paquete importante. É libre de apoiar a quen queira. Igual que outros grandes accionistas".
Esta repartición accionarial "paréceme relativamente boa para o Deportivo porque as empresas, os grandes accionistas con gran participación no Club son de aquí, teñen as súas empresas aquí e poden tomar mellores decisións para o Deportivo".
Confirmou para concluír a súa presenza en Panamá a semana pasada, "para tentar conseguir recursos para o Club".
