Partido marcado en vermello no calendario da temporada en Primera Federación FutFem. O Deportivo ABANCA visita nas instalacións de Unbe ao SD Eibar, un dos grandes aspirantes ao ascenso directo, mañá domingo 5 de febreiro ás 12:00, en choque correspondente á 19ª xornada.
Na primeira volta, disputada o pasado 29 de outubro en Abegondo, o choque, moi equilibrado e disputado, acabou en empate (1-1).
Os resultados do pasado mércores na liga, co traballado triunfo deportivista en Abegondo (2-1) ante o Athletic Club B incluído, levantaron ás Nosas ao liderado en solitario da categoría con 37 puntos, por diante do CP Cacereño (2º con 35 puntos) e do FC Barcelona B e SD Eibar (3º e 4º respectivamente con 34 puntos).
Causan baixa por lesión Samara e Aroa Guerra. Sobre a dianteira coruñesa, operada de apendicitis, falou Irene Ferreras ante os medios de comunicación: "Está fisicamente ben para poder empezar a facer algo de actividade física. É curioso, porque xa se atopa ben, quere empezar a arrancar, pero hai que ter en conta moitas cousas do seu organismo. Vai empezar a facer cositas en ximnasio, un pouquiño de activar metabolismo, a ver como se vai atopando demais. Hai que ter paciencia, pero eu creo que nunhas 2, 3 semanas igual pode empezar xa co grupo a facer cousas e eu creo que para o último tramo de temporada ímola a ter dispoñible".
Paula Monteagudo, asentada no lateral zurdo, será a representante de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas.
O equipo adestrouse onte venres e esta mañá no Monte, de céspede sintético similar ao das instalacións de Unbe, escenario do partido de mañá sábado. "Estiven o ano pasado cando fomos co Real Madrid. É un campo que é artificial. Non é o mellor céspede artificial, ou non é o máis moderno. A nivel de dimensións non é un campo tampouco moi pequeno, é dicir, pódese propoñer algo de xogo, pero condiciónache evidentemente", indicou a adestradora branquiazul o pasado xoves.
Admite que "é un escenario ao que nós non estamos tan afeitas, pero estamos a tentar deixar atrás todas esas cousas, todas esas dificultades. Na adaptación de diferentes terreos de xogos, imos crecendo e imos madurando no que toca facer en cada momento. Non en todos os campos pódese xogar da mesma forma. O que temos en claro é que aquí o que importa ou o que temos que tentar é gañar máis aló de se sentímonos máis ou menos cómodas. Iso o equipo está a entendelo ben e estámonos adaptando ben", conclúe.
Pola súa banda, o SD Eibar caeu o pasado mércores en Unbe ante o CDF Osasuna Femenino (0-1), marcador que nunha categoría tan igualada relegouno á 4ª praza.
No seu campo, as eibarresas gañaron ao Rayo Vallecano (2-0), Athletic Club B (3-1), FC Barcelona B (2-0) e Real Oviedo (1-0); empataron co CD Juan Grande Ginelux (0-0), Granada CF (1-1) e DUX Logroño (1-1); e caeron ante o SE AEM (0-1) e o citado choque fronte ás osasunistas esta mesma semana.
Nada máis concluír o adestramento desta mañá, o Dépor ABANCA emprendeu viaxe por estrada, segundo esta folla de ruta:
Sábado 4 de febreiro
12:00: Saída en autocar de Abegondo
20:00 (horario aproximado): Chegada ao hotel Unzaga Plaza de Eibar
Domingo 5 de febreiro
12:00: SD Eibar - Deportivo ABANCA, en Unbe
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña
Finalizado o choque, As Nosas adestraranse de novo na Cidade Deportiva o luns a partir das 10:00.

